Economía e Sociedade en Galicia: S. XVI e XVII
Economía e Sociedade nos Séculos XVI e XVII en Galicia
Durante os séculos XVI e XVII, a economía e a sociedade galega foron fundamentalmente agrícolas, e máis do 80% da poboación vivía no campo.
A evolución económica e demográfica pasou por diversas fases:
Século XVI: Cremento e Expansión
O século XVI foi unha época de crecemento. O desenvolvemento estivo relacionado coa situación estratéxica nas rutas comerciais atlánticas, o que favoreceu as actividades comerciais e artesanais. Na agricultura, mantívose un sistema baseado no cultivo de cereais e no barbeito, o que permitiu que a poboación se duplicase, sobre todo na costa.
A actividade pesqueira alcanzou un importante desenvolvemento que se mantivo ata finais de século, cando os barcos tiñan que ir acompañados de protección armada polos ataques ingleses e holandeses.
O crecemento decaeu a finais do século como consecuencia das crises políticas e da ruptura do equilibrio entre a poboación e os recursos, xa que o crecemento demográfico non fora acompañado polo dos recursos, o que favoreceu as crises de subsistencia, con malas colleitas, fame e pestes que provocaron o descenso da poboación.
Século XVII: Recuperación e Transformación Agraria
A segunda metade do século XVII foi unha época de recuperación. Este período de agrarización e ruralización coincide coa entrada do millo en Galicia, e as dificultades estimularon a transformación do sistema de cultivo, que se converteu nun sistema de rotacións diminuíndo o barbeito e potenciando a gandería. Isto permitiu un forte crecemento da produción e da poboación.
Estrutura Social Galega
A estrutura da sociedade galega baseábase na terra. Dunha parte estaban os perceptores de rendas señoriais e doutra os labregos que traballaban as terras, sendo o foro a forma de cesión máis estendida. Cabe destacar o número da fidalguía rural.
Clases Sociais:
- Alta nobreza galega: asociada ás empresas políticas e militares, destacaron polo seu absentismo e desempeñaron altos cargos na administración.
- Clero: foi un grupo moi poderoso que recibía unha parte importante das rendas agrarias e que tiña un enorme poder no seu territorio.
- Fidalguía galega: integrada pola pequena nobreza, os grupos burgueses e os campesiños enriquecidos, foise configurando como un grupo ben diferenciado e cada vez máis poderoso que se centraba no cobro de rendas, sendo os intermediarios entre os propietarios e os labregos. O seu ascenso explícase pola estrutura da propiedade e o absentismo da nobreza, o que deixa un baleiro de poder ocupado pola fidalguía. Esta clase fai visible a súa categoría social mediante a construción de pazos.
- Labregos: aproximadamente o 80% da poboación galega. Traballaban terras que non eran da súa propiedade e vivían nunhas duras condicións. Ademais deles había outros grupos non privilexiados como os mariñeiros, os artesáns urbanos e os comerciantes.