Economía e sociedade na Galicia dos Austrias
Na Galicia dos séculos XVI e XVII as cidades eran moi pequenas. Destacan Santiago de Compostela, con funcións relixiosas; A Coruña, sede das institucións de goberno; Pontevedra relacionada coa pesca e salgadura da sardiña. Temos que falar dunha sociedade esencialmente rural. Máis do 80% da poboación vivía no rural.
A Igrexa e a alta nobreza eran as principais propietarias de terras. O absentismo da alta nobreza galega, asociada ás empresas políticas e militares dos Austrias, favoreceu o desenvolvemento da fidalguía, da nobreza segundona. Esta fidalguía situábase como intermediarios entre os propietarios da terra (alta nobreza e sobre todo os mosteiros) e os campesiños. Os fidalgos levaban en foro terras de mosteiros e nobres e a súa vez as aforaban a terra ós labregos. Deste xeito, sen ter grandes propiedades, a maior parte das rendas pagadas polos labregos (60%) acaban nas súas mans. O pazo convértese no seu símbolo de poder. Ademais, logra acaparar os cargos importantes dos concellos e nas audiencias.
O sistema tradicional de cultivo fundamentábase na rotación bianual de cereais (trigo e centeo) e barbeito. Os rendementos eran baixos e a produción destinada fundamentalmente ao autoconsumo e ao pago de rendas, tributos, etc. Así a maior parte dos escasos excedentes acaba nas mans dos señores, especialmente dos fidalgos e a igrexa. Durante a primeira metade do século producíronse importantes crises de subsistencia, con malas colleitas, fames e epidemias que provocaron a diminución da poboación, sendo especialmente grave o ciclo de 1633-36. No último terzo do século, sen embargo, vanse producir importantes cambios no sistema de cultivo: introdúcese o millo, produto procedente de América, que alterou o sistema de rotacións, diminuíndo o barbeito e incrementando a produción de alimentos para o home e forraxe para o gando. Estes cambios permitiron un forte crecemento da produción e da poboación. Esta situación contrastaba co panorama negativo do século XVII no resto de Europa.
A actividade pesqueira tiña tamén unha grande importancia nas zonas do litoral, complementaba a dieta alimenticia das poboacións costeiras e ademais deu lugar a unha importante industria de salgadura de peixe, especialmente de sardiña, con numerosas instalacións distribuídas ao longo de toda a costa galega. O produto vendíase en todos os mercados de Castela. Hai que destacar tamén unha pesca de altura con campañas da pesca do bacallau en Terranova. Sen embargo, durante o século XVII diminúe esta actividade pesqueira en parte polas trabas impostas aos barcos que tiñan que levar protección armada doutros navíos. Así as vilas e cidades costeiras perderon poboación no século XVII.