Economía, Industria e Turismo: Conceptos Clave
Economías de escala
Refírese ó poder que ten unha empresa cando alcanza un nivel óptimo de produción para ir producindo máis a menor custo. Canto máis produce, menos lle custa producir cada unidade. Prodúcense, polo tanto, grandes series de produción a baixo prezo.
Enerxías renovables
Son aquelas que non se esgotan co seu consumo, senón que se renovan periodicamente de forma natural. Supoñen tamén un menor impacto ambiental, polo que adoitan cualificarse como enerxías limpas.
Difusión industrial
Desprazamento da actividade industrial desde as grandes cidades e as rexións de maior densidade cara a outras periféricas.
Fondos estruturais
Son instrumentos da Unión Europea para promover un desenvolvemento harmonioso do seu conxunto, encamiñados a reforzar a súa cohesión económica e social. No período de programación 2007-2013 a Unión Europea conta con dous Fondos Estruturais:
- O FEDER ten como obxectivo reducir as diferenzas que existen entre os niveis de desenvolvemento das rexións europeas para que as menos favorecidas se recuperen do atraso que sofren.
- O FSE está destinado a fomentar as oportunidades de emprego e mobilidade xeográfica e profesional dos traballadores, así como facilitar a súa adaptación ás transformacións industriais e ós cambios dos sistemas de produción.
Subcontratación
Contratación dunha empresa por outra para que realice unha parte da súa actividade seguindo as indicacións, características e prazos que se lle impoñen.
Industrias verdes
É unha nova rama industrial que ten como fin desenvolver tecnoloxías limpas para a industria. A UE foméntaa a través do PITMA II.
Materias primas estratéxicas
Son as que condicionan o crecemento da produción ou a riqueza mundiais e que son clave por razóns políticas ou estratéxicas para a economía das potencias, das grandes multinacionais e para o sector armamentista (petróleo, gas, uranio, coltán, etc.).
Parque tecnolóxico
Son espazos de elevada calidade urbanística e ambiental, ben comunicados e accesibles, destinados a albergar empresas de base tecnolóxica e institucións de I+D, xunto con centros universitarios.
Ecoturismo
É un turismo ético enfocado cara ó recreo na natureza de forma respectuosa co medio. Céntrase na visita a espazos naturais protexidos, como parques nacionais ou naturais.
Plan Estratéxico de Infraestruturas do Transporte (PEIT)
Plan que recolle as actuacións previstas polo Estado en política de transporte para o período 2005-2020. Os seus obxectivos son: corrixir a radialidade da rede peninsular, equilibrar o excesivo peso da estrada fomentando o transporte ferroviario e intermodal, mellorar a eficiencia, etc.
Taxas aeroportuarias
Prezo que en moitos países pagan os viaxeiros, tanto en voos nacionais como internacionais, polo uso dos aeroportos.
Tour operadores
Empresa maiorista intermediaria entre a axencia de viaxes e o establecemento turístico que confecciona paquetes e programas globais que oferta á axencia, que despois esta vende ao turista, quedándose cunha comisión.