A Dúbida Metódica de Descartes e a Existencia de Deus

Filosofía e ética9,1 KB

A Dúbida Metódica e o Cogito

A dúbida metódica é sistemática, hiperbólica (esaxerada ata o absurdo), extraordinaria, teórica e non é escéptica. Para Descartes, a dúbida emprégase para demostrar que hai algún coñecemento do que non podemos dubidar. Polo tanto, hai que aplicar esta dúbida a todo aquilo que pensamos que é verdade.

Trátase dunha consecuencia metodolóxica da regra da evidencia, e tense que aplicar sobre todos os nosos pensamentos, incluso aqueles que parecen máis obvios. Esta dúbida está causada por varios motivos:

  • O engano dos sentidos: de todo o que coñecemos a través dos sentidos podemos dubidar, xa que se nos enganaron unha vez, poden volver a facelo. Descartes non cre que os sentidos o enganen sempre, pero actúa coma se o fixesen.
  • Imposibilidade de distinguir o sono da vixilia: podemos dubidar se realmente estamos vivindo algo de verdade ou tan só o estamos soñando.
  • A hipótese do “xenio maligno enganador”: trátase dun Deus enganador culpable de que os sentidos nos enganen e de que confundamos o sono coa vixilia. Incluso este xenio nos pode enganar coas matemáticas. Polo tanto, este xenio está empeñado en que non coñezamos a verdade.

De aí o seu famoso enunciado: COGITO ERGO SUM (penso, logo existo). Polo tanto, se penso, son; se son, existo; e se existo, son algo. EU SON ALGO QUE PENSA. Deste xeito, Descartes atopa a primeira certeza da que non se pode dubidar. Ademais, tamén aparece o SUXEITO (RES COGITANS: cousa/substancia pensante). Temos a certeza de que somos algo que pensa, polo tanto, existimos. Nisto reflíctese o antropocentrismo, posto que o primeiro do que podemos ter certeza é da existencia do noso eu.

Tipos de Ideas e a Demostración da Existencia de Deus

Descartes descobre que a única evidencia é a existencia de substancia pensante (res cogitans). Entón, vai analizar (regra da análise) este pensamento. En primeiro lugar, descompón o pensamento en:

  • Afeccións (estados de ánimo). Non teñen nada que ver co exterior do Eu.
  • Xuízos: proposicións verdadeiras ou falsas formadas por ideas.
  • Ideas: representacións do exterior do Eu. Polo tanto, o que nos pode levar fóra do pensamento son estas ideas, xa que moitas delas representan algo que non é pensamento, senón que é exterior ao pensamento.

Descartes vai empregar a demostración da existencia de Deus como estratexia para saír do solipsismo: a través da regra da evidencia e da dúbida metódica chegar á conclusión de que non todo é pensamento, senón que hai algo máis. O primeiro que fai é buscar principios innegables como os tipos de causa:

  • Realidade formal: as ideas son formalmente todas a mesma substancia, son todas res cogitans (pensamento).
  • Realidade obxectiva: isto fai referencia ao que representan as ideas, e polo tanto, o que nos permite diferencialas unhas das outras.

Clasificación das Ideas

  • Ideas facticias (ideas imaxinarias). Ex: idea de unicornio.
    • Causa formal: o suxeito.
    • Causa obxectiva: tamén o suxeito. Se son imaxinarias, a única causa delas é o noso pensamento que as crea.
  • Ideas innatas: veñen de serie no pensamento. Aquilo que causou o pensamento é o mesmo que causou as ideas innatas.
    • Causa formal: a mesma causa ca do suxeito (pensamento). Ao seren ideas innatas, o que xera a causa do suxeito, tamén xera a causa destas ideas.
    • Causa obxectiva: a mesma ca do suxeito. Son ideas que están dentro de nós dende que nacemos.
  • Ideas adventicias: representacións que nos facemos de aquilo que percibimos. De existir unha causa destas ideas, esta causa non é nin o Eu nin o que causa o Eu (é outra cousa).
    • Causa formal: o suxeito (a nosa mente).
    • Causa obxectiva: as cousas que percibimos.
    • Causa eminente: nin o suxeito, nin a causa do suxeito. Senón que a causa é DEUS.
A Idea de Substancia e a Demostración da Existencia de Deus

A realidade da causa é sempre igual ou maior á realidade do efecto. As propiedades que ten a causa non poden ser de menor grao ca as do efecto. Polo tanto, a causa obxectiva das nosas ideas ten que ser igual ou máis real cas nosas ideas.

Ademais, as ideas de substancia conteñen máis realidade que as ideas de accidentes. A substancia é aquilo que existe por si mesmo e que soporta o accidente. Ex: ser racional. O accidente son circunstancias que se poden dar ou non nunha substancia. Descartes vaise centrar nas ideas de substancias, posto que é máis fácil atopar esa idea fóra do pensamento.

  • Res cogitans: na cal o atributo principal é o pensamento.
  • Res infinita: na cal o atributo principal é a infinidade.
O Principio da Veracidade Divina

A idea de Deus non pode ser adventicia (porque non podemos percibir algo infinito, só aquilo que é finito), nin tampouco pode ser facticia (porque non podemos imaxinar un ente infinito). Polo tanto, a idea de Deus é innata (nacemos con ela).

As ideas facticias non nos poden dicir como é a realidade fóra da mente, xa que nós somos a súa causa, pero as ideas adventicias forman ideas de cousas fóra da mente. Entón, a Teoría da Veracidade Divina é a maneira que temos de relacionar as nosas ideas adventicias que non son nós: se existen, as causas obxectivas das ideas adventicias teñen que ser algo finito, polo tanto, ocupan un espazo e un tempo, teñen unha extensión, polo tanto, son algo extenso.

Podería ser que esas ideas que nos parecen producidas por algo externo fosen un soño. Se todo o que percibimos pensamos que é mentira, vivimos enganados. Entón, Deus (creador de todo e de nós) creounos para vivir enganados. Isto implica que Deus sería unha especie de xenio enganador: ten unha vontade de crear un ser para que viva enganado. Se Deus é real e creador de todo, tamén do ser humano, e o ser humano vive enganado, é por causa de Deus.

Tampouco pode ser que teñamos a capacidade infinita de diferenciar a verdade da mentira. Entón, algunhas ideas adventicias son verdadeiramente adventicias, pero outras non o son, senón que son facticias. Non podemos diferencialas con certeza, pero se polo menos hai unha idea adventicia, entón => Deus, a nosa mente e o obxecto finito que causa a idea existen. En conclusión: existen ideas adventicias. A Teoría da Veracidade Divina demostraría que hai ideas adventicias, non sabemos cantas nin cales, pero que algunhas hai. Isto implica que existen entes extensos que as causan. Estes entes extensos denomínanse materia => res extensa.

Teoría da Substancia e o Problema do Dualismo

Tamén están de acordo en que se lle pode aplicar a Deus. Descartes opina o seguinte: propiamente Deus é unha substancia porque todo o demais foi creado por Deus. Pero, impropiamente podemos aplicar o concepto ao pensamento e á materia porque non se precisan mutuamente para existir. O pensamento pode darse sen a materia e viceversa. Non son substancias en relación a Deus, pero si en relación a elas mesmas.

Se algo é extenso é matematizable, e a través desa matematización, a ciencia descobre que está determinado por leis causais chamadas ecuacións. Ao ser matematizable é determinable, polo tanto, na materia non hai liberdade. Nada material ten liberdade porque todo está determinado por leis.

Respostas a este Problema

  • Spinoza: non hai tres substancias, polo tanto, non comparte a idea de substancia impropia de Descartes. Si hai unha substancia que é Deus, mentres que o pensamento e a materia son atributos de Deus. Todo o que percibimos é Deus. Deste sentido desaparece o problema.
  • Malebranche: Teoría do ocasionalismo: cando se dá a ocasión de que algo no corpo se corresponda con algo na mente, Deus ponse. A mente e o corpo non interactúan, aínda que recoñece que son dúas substancias. É Deus quen os pon en relación cando se dá a ocasión.
  • Leibniz: Teoría da harmonía preestablecida. Deus é coma un reloxeiro, entón cada substancia é coma un reloxo que Deus sincroniza dende o momento da súa creación. Todo está preestablecido e sincronizado dende o principio dos tempos.
  • Descartes: a mente e o corpo (materia) son substancias impropias que interactúan entre si. Existe a liberdade. No ser humano interactúan a través dun órgano chamado glándula pineal, que é capaz de sentir a mente e a través do cal, a mente pode actuar sobre o corpo. A liberdade condiciona o corpo e a necesidade condiciona a mente. Aquilo que non é necesario, é libre ou azaroso. Todo o que lle pasa ao corpo é consecuencia da necesidade.

Descargar

PDF Word HTML