Dicionario do Franquismo e a Transición: Conceptos Clave

Historia4,07 KB

Dicionario do Franquismo e a Transición

Conceptos Clave

FET e das XONS

FET e das XONS: siglas de Falanxe Española Tradicionalista e das Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista, a organización política creada por Franco en 1937 mediante o Decreto de Unificación que fusionaba o movemento tradicionalista carlista coas formacións fascistas de Falanxe Española e das XONS. Foi a única formación política autorizada durante o franquismo, sendo coñecida como Movemento Nacional.

Sección Feminina

Sección Feminina: rama feminina da FET das XONS. Organización destinada a integrar as mulleres, desde a xuventude, no ideario do réxime. Desenvolveu un modelo ideal de mulleres como esposas e nais, sometidas á tutela dos varóns. Organización dirixida por Pilar Primo de Rivera.

Nacionalcatolicismo

Nacionalcatolicismo: termo que o franquismo empregou para defender a total identificación Igrexa-Estado. Significa que o franquismo defendeu a confesionalidade católica do Estado e a Igrexa lexitimaba a sublevación e o réxime franquista. A vida política, social e cultural estaba sometida ás directrices da Igrexa católica.

Sindicato Vertical

Sindicato Vertical: sindicato único, inspirado e controlado pola Falanxe, integraba todos os traballadores e empresarios do mesmo sector produtivo. A súa creación supuxo a desaparición dos sindicatos de clase. A súa composición explica que se coñecera como Sindicato Vertical. Inspirouse nos réximes fascistas europeos.

Plan de Estabilización

Plan de Estabilización: conxunto de medidas e reformas económicas aprobadas en 1959, propostas por ministros tecnócratas, que tiñan como obxectivo abandonar o modelo autárquico intervencionista e liberalizar a economía española, conectando así co capitalismo occidental. Sentou as bases para iniciar o forte crecemento "desarrollista" da década dos anos 60.

Contubernio de Múnic

Contubernio de Múnic: participación de disidentes e opositores ó franquismo nun congreso europeísta organizado en Múnic en 1962. Tivo lugar durante a etapa final da ditadura, que o cualificou así de maneira sarcástica. Demandaba a instauración dun réxime democrático en España. Nel participaron políticos de diversas tendencias: monárquicos, demócratas, liberais, republicanos ou socialistas.

Plataxunta

Plataxunta: denominación popular outorgada a unha coalición de oposición ó franquismo formada na época da transición. Nela participaban comunistas, socialistas e democristiáns. Reclamaba amnistía e liberdade política. Tamén reclamaba o recoñecemento das nacionalidades históricas e a convocatoria a Cortes Constituíntes.

Lei para a Reforma Política

Lei para a Reforma Política: lei aprobada polas Cortes franquistas e, tras a súa aceptación en referendo, foi promulgada en 1977 con rango de Lei Fundamental. Foi o instrumento legal que permitiu o paso da ditadura franquista a un sistema constitucional democrático desde a legalidade vixente (da lei á lei) mantendo a paz social.

UCD

UCD: siglas de Unión de Centro Democrático, a coalición de partidos fundada e liderada por Adolfo Suárez en 1977 e que aglutinaba as forzas de centro-dereita. Tivo un papel destacado durante a Transición democrática, gañando as eleccións a Cortes Constituíntes de 1977 e as xerais de 1979. Mantívose no Goberno ata 1982, primeiro con Adolfo Suárez e despois da súa dimisión con Leopoldo Calvo Sotelo. Disolveuse tras a derrota electoral de 1982.

Pactos da Moncloa

Pactos da Moncloa: acordos socioeconómicos asinados en 1977 polos líderes dos principais partidos políticos e das organizacións sindicais no Palacio da Moncloa. Tivo lugar durante o goberno de Adolfo Suárez. Consistían nunha serie de acordos de carácter económico e social que posteriormente foron aprobados polo Congreso dos Deputados.

Descargar

PDF Word HTML