Descartes: Método e Coñecemento na Filosofía Moderna
Descartes e a Filosofía Moderna
O problema do coñecemento é a cuestión filosófica principal da Idade Moderna, debido probablemente ao desenvolvemento espectacular da ciencia, que empregou unha nova metodoloxía científica. Descartes, coa súa obra O Discurso do Método, inicia a corrente racionalista e a filosofía moderna.
O Método Cartesiano
A cuestión do método que trata o texto é un tema fundamental no pensamento de Descartes. De feito, a súa obra está dirixida a fundamentar e empregar dito método. O ideal ao que responde é a procura dun coñecemento certo e seguro que permita dominar a natureza e alcanzar así a felicidade.
As Regras do Método
Estas catro regras, expostas no texto, son a versión reducida doutras vinte e tres regras expostas nun principio polo autor e son obtidas fundamentalmente a partir da metodoloxía da xeometría, que se caracteriza polo emprego do método dedutivo, formado por intuicións (verdades primeiras e evidentes) e deducións (verdades obtidas a partir das primeiras).
Evidencia
- A primeira regra establece como criterio de verdade a evidencia, a cal se caracteriza por ser clara e distinta.
- Clara quere dicir que é resultado dun coñecemento directo, que é unha intuición, que é unha verdade transparente á mente.
- Distinta quere dicir que é unha verdade diferenciada e definida con respecto a outras verdades.
- As verdades evidentes non ofrecen dúbida, é dicir, proporcionan seguridade e certeza.
Análise
- A segunda regra fai referencia a que, na procura da verdade, hai que simplificar ata chegar aos elementos máis simples, máis básicos, do que se quere coñecer.
- Os elementos máis simples de todo o que hai son, segundo Descartes, extensión (mundo) e pensamento (home), os cales, por seren principios, poden ser obxecto de intuición e, por tanto, de evidencia.
Síntese
- A terceira regra é o camiño inverso á anterior. É ir desde o simple, que é obxecto de intuición, ata o máis complexo, que se coñece a través da dedución.
- Todo iso presupón unha orde, neste caso, a orde necesaria e racional.
Revisión
- A cuarta regra expresa a procura de seguridade e certeza, por iso propón, para rematar, o paso da revisión do realizado.