A Desamortización en Galicia: Balance e Consecuencias
Balance Global da Desamortización en España
No balance global da desamortización temos que:
- Politicamente: O réxime de propiedade da terra transformouse e consolidouse o réxime liberal.
- Socioeconomicamente: As medidas desamortizadoras incrementaron os latifundios agrarios (sen investir na súa modernización) e gran parte dos campesiños pobres e xornaleiros non puideron acceder á propiedade da terra por falta de capitais. Así mesmo, contribuíu ao atraso da industrialización pola desviación dos recursos financeiros cara á compra de terras.
- As vítimas: Foron a Igrexa, os municipios e os campesiños pobres e xornaleiros que viron empeorar as súas condicións de vida coa perda dos beneficios da caridade eclesiástica e do aproveitamento das terras e pastos comunais. Producíronse cuantiosas perdas no patrimonio artístico e cultural da Igrexa.
A Desamortización en Galicia
En Galicia a maioría das terras explotábanse mediante contratos de arrendamento de longa duración –os foros– que recoñecían a existencia de dereitos diferentes para os campesiños, que non podían ser expulsados da terra (dominio útil) e para a nobreza terratenente, os conventos, mosteiros e catedrais que eran donos e titulares das terras (dominio eminente). Ao mesmo tempo, a maioría dos montes comunais eran propiedade dos veciños, parroquias e aldeas.
Consecuencias da Desamortización en Galicia
Esta situación fixo que, na aplicación das leis desamortizadoras, resultase que:
- O Estado vendeu o dereito a percibir unhas rendas e, nunha mínima proporción, a propiedade plena da terra.
- Tivo escasa importancia a desamortización dos propios, debido ao reducido patrimonio dos concellos galegos.
- Non se alterou a organización agraria tradicional procedente do Antigo Réxime, nin se estableceu a propiedade plena da terra en mans dun posuidor individual. Os compradores dos bens desamortizados convertéronse en rendeiros.
- Os campesiños conservaron os seus dereitos sobre a terra. A partir de finais do século XIX, a perda de valor das rendas forais logrou, mediante a redención dos foros, a propiedade da terra, proceso culminado en 1926 (Lei de redención de foros).