Desamortización, Estatuto Real, Cantonalismo, Encasillado e Pucherazo na España do XIX

Historia2,66 KB

Desamortización

Proceso legal que, previa expropiación, puxo en venda, en poxa pública, os bens pertencentes á Igrexa (“mans mortas”) e aos concellos (baldíos, “comúns” e “propios”). Foi realizada principalmente na España do século XIX durante os gobernos progresistas de Mendizábal (1836, desamortización de bens do clero regular), Espartero (1841, desamortización de bens do clero secular) e Madoz (1855, desamortización xeral). Entre os obxectivos estaban: reformar a estrutura da propiedade da terra, obter recursos para a Facenda e ampliar o apoio á causa liberal.

Estatuto Real

Nome que recibe o Decreto de 1834 polo que a raíña rexente Mª Cristina de Borbón convocaba as Cortes do reino de España e co que se pretendía realizar concesións políticas aos liberais. Polo seu contido, considérase como unha “carta outorgada” xa que a Coroa renunciaba a manter en exclusiva o poder admitindo unha ampliación da participación política en beneficio das clases posuidoras, pero conservaba en exclusiva a soberanía e non recollía a separación de poderes nin dereitos dos cidadáns.

Cantonalismo

Ideoloxía política de carácter republicano federal que tivo o seu auxe durante a I República española, principalmente en Cartaxena e noutras localidades do Levante e Andalucía. Defendía a creación dun Estado composto por unidades políticas territoriais soberanas que mediante acordos libres se unirían formando a federación española. En 1873, durante a I República, os seus partidarios protagonizaron insurreccións cantonalistas, destacando a de Cartaxena, que foron sufocadas polo exército.

Encasillado

Proceso polo que o ministro da Gobernación elaboraba a lista de candidatos que debían ser escollidos en cada distrito electoral, colocando nas cuadrículas correspondentes os nomes dos candidatos ministeriais e da oposición. A lista era pactada polos dous partidos monárquicos e esta práctica garantía a quenda pacífica dos gobernos da Restauración borbónica. O sistema implicaba complexas negociacións entre representantes do Goberno e as diferentes forzas políticas locais dentro do sistema da quenda. A “orde” de quen debía ser elixido trasladábase aos gobernadores civís e estes, á súa vez, trasladábana aos caciques para así “asegurar” o resultado.

Pucherazo

Dícese da manipulación dos resultados electorais, cambiando e amañando as cifras dos votos para gañar as eleccións. Consistía na substitución no pucheiro dos votos xa emitidos por outros favorables ao candidato que se desexaba que saíse elixido, ou na modificación da acta do reconto dos votos.

Descargar

PDF Word HTML