A Crise do Século XVII en España: Economía e Sociedade
A Crise Demográfica do Século XVII
Crise Demográfica
Fronte á expansión económica do século XVI, o século XVII foi de dificultades e crise, especialmente na coroa de Castela. A poboación estancouse e decreceu debido a varios factores: as malas colleitas, a epidemia de peste e as guerras, que causaron crises de mortalidade catastrófica. A expulsión dos mouriscos tamén contribuíu a un descenso da poboación, sobre todo na coroa de Aragón.
A poboación mantívose nuns 8 millóns de habitantes.
Deterioro da Economía
Ademais da crise agraria asociada ás malas colleitas, os sectores artesanais e comerciais víronse afectados, caendo a produción interna e provocando a ruína dos centros artesanais de Castela. As causas foron diversas:
- A alza de prezos pola chegada de ouro e prata americana.
- A falta de competitividade e a diminución da demanda.
- A invasión do mercado interno con produtos estranxeiros.
- O incremento dos impostos e as alteracións monetarias.
O comercio exterior tamén se resentiu. Estaba baseado na exportación de materias primas e na importación de manufacturas, e o seu déficit pagábase co ouro e a prata procedente de América. A caída da produción interna favoreceu aos comerciantes estranxeiros, que coparon os envíos cara a América a través de intermediarios casteláns e fixéronse coas remesas de metais preciosos.
Os Problemas da Facenda Real
Para facer fronte ao descenso de ingresos, aos gastos de guerra e aos gastos suntuarios da Corte, a Coroa, ademais de incrementar a débeda pública e subir os impostos, desvalorizou a moeda, o que provocou un aumento da inflación que agravou as dificultades económicas. Ademais, a imposibilidade de devolver os préstamos banqueiros provocou numerosas bancarrotas de Estado.
Consecuencias da Crise
A crise económica xeral e o esgotamento dos recursos fixeron que España perdera o seu papel hexemónico en Europa. A sociedade caracterizouse polo inmobilismo social, a polarización e o triunfo dunha mentalidade aristócrata e clerical. A crise provocou tamén a ruína da clase burguesa, que abandonou os negocios e buscou ennobrecerse. Estendeuse tamén a pobreza, de xeito que aumentou o número de pícaros, vagabundos e pobres nas cidades.
En Cataluña e Valencia as condicións económicas comezaron a recuperarse, e a finais de século a mellora da economía era evidente no crecemento da agricultura, o comercio e a industria. Aínda así, en Castela só se aprecia a diminución das crises de subsistencia e a recuperación a partir do 1680. As medidas deflacionarias permitiron a estabilización do mercado interno e sentaron as bases da recuperación económica.
Internacionalmente, España amosábase débil, pero aínda así logrou resistir os ataques franceses e conservar as colonias.