Crise da Restauración e Ditadura de Primo de Rivera en Galicia

Historia9,56 KB

A Crise da Restauración e a Ditadura de Primo de Rivera

A morte de Fernando VII supón a fin definitiva do absolutismo e do Antigo Réxime, e o establecemento dun sistema liberal doutrinario dividido entre progresistas e moderados e con gran protagonismo do exército. Esta monarquía constitucional entrará en crise con Isabel II dando paso ao Sexenio Democrático, período no que se instaura un sistema liberal democrático que en breve será substituído pola Restauración borbónica e a volta a un sistema liberal doutrinario de corte conservador.

O sistema canovista proporciona unha estabilidade política que funciona ata o desastre de 1898, que supuxo o desprestixio da clase política española, vista, a partir de agora, como incapaz de modernizar o país. Esta crítica e pesimismo respecto do desastre do 98 e da clase política aparecen recollidos nas tres últimas liñas do primeiro documento. A partir deste momento xérase unha oposición crecente que se agudiza en 1917, momento en que conflúen tres crises: a militar, a política e a social. Paralelamente increméntase a actividade da oposición; rexionalistas e nacionalistas radicalizan as súas posturas, e os republicanos coalíganse cos socialistas.

Tralo desastre de Annual en 1921, ao réxime só lle quedan dúas saídas: democratizarse ou optar pola solución rexeneracionista de Joaquín Costa, a imposición do "cirurxián de ferro" que solucionase os problemas de España, vía pola que finalmente se opta ante a incapacidade do sistema de democratizarse. Miguel Primo de Rivera converterase nese "cirurxián de ferro" co golpe de Estado de 1923. Así se presenta no manifesto do 13 de setembro que se contén no documento 1, "non vimos a chorar mágoas e vergoñas, senón poñerlles axiña radical remedio". Contou coa aceptación do propio Alfonso XIII, quen o chama para que asumise o poder. Inicialmente contou tamén cun amplo apoio popular, dado que Primo de Rivera preséntase como unha medida excepcional "con carácter provisorio" que solucionaría os problemas de España: o caciquismo e a corrupción política, o separatismo nacionalista, o terrorismo e a conflitividade social, a guerra de Marrocos, moi impopular entre as clases baixas, e o escaso desenvolvemento económico, consecuencia dunha limitada Revolución Industrial e dunha agricultura atrasada e de baixo rendemento.

O golpe foi apoiado por conservadores, a alta burguesía, terratenentes e pequenos e medianos propietarios, mentres que contou coa abstención dos socialistas e a oposición declarada de comunistas e cenetistas. O sistema canovista é, por tanto, substituído por unha ditadura, un sistema autoritario, paternalista, populista e excesivamente optimista, "bástanme tres meses" para acabar cos problemas de España. Como se indica no documento 2, inicialmente "constituirase en Madrid un Directorio Militar" (1923 - 1925), primeiro goberno da ditadura formado unicamente por militares. Suspéndese a Constitución de 1876, anúlase a influencia dos partidos políticos sen eliminalos, e fúndase a Unión Patriótica, organización de difícil definición na que está a medio camiño entre partido único do réxime e movemento propagandístico da ditadura. Créanse os Delegados Gobernativos para propor solucións a problemas concretos dos concellos, elabórase un estatuto municipal e outro provincial que seguen mantendo baixo control do goberno a estas institucións, reprímense as manifestacións e símbolos nacionalistas así como as súas reivindicacións, co obxectivo de defender a unidade da patria, redúcese a conflitividade social, e consecuentemente o número de folgas e atentados coa persecución dos comunistas e a represión do movemento obreiro, e finalmente conséguese acabar coa guerra de Marrocos contribuíndo con isto ao prestixio do ditador e do exército.

En 1925 ten lugar a "substitución dunha ditadura militar por outra civil", formada maioritariamente por civís e novamente apoiada polo rei. Con ela trátase de instaurar un réxime corporativo mediante a creación da Organización Corporativa do Traballo (1926) que regulaba as relacións entre patróns e traballadores. Entre as súas actuacións está a elaboración dunha lexislación laboral e social co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos traballadores, e a toma de medidas populistas tales coma o reparto de roupa ou a construción de casas baratas. Así mesmo convocouse unha Asemblea Nacional, que unicamente posuía un carácter consultivo e que será a encargada de redactar un proxecto de Constitución onde se establecía un Estado de tipo unitario e centralizado, católico e cunha Asemblea única.

No documento 3, Calvo Sotelo, membro deste Directorio Civil, recolle outro dos obxectivos: potenciar o desenvolvemento da economía a partir dunha política fortemente intervencionista, "o intervencionismo de Primo de Rivera abrangueu a agricultura, a industria, o mesmo comercio". As medidas tomadas concretáronse nun forte proteccionismo arancelario, na regulamentación da produción e da competencia, no control dos prezos, no fomento da produción nacional mediante a concesión de créditos e encargos estatais, a creación de monopolios co obxectivo de garantir determinados servizos básicos (CAMPSA), ou o fomento das obras públicas e das infraestruturas. O resultado destas medidas viuse favorecido pola época de prosperidade económica que se vive a nivel internacional, os felices anos vinte, e a atenuación dos conflitos sociais grazas á represión do movemento obreiro. Deste xeito créase unha falsa sensación de prosperidade, como así o demostra a táboa correspondente ao documento 4 que indica como durante os anos da ditadura, a produción mineira, de aceiro, cemento e de enerxía eléctrica, dobran as súas cifras. Os grandes beneficiados destas medidas e da prosperidade económica do período, será a alta burguesía financeira, industrial e terratenente.

Sen embargo, os problemas da economía española non se solucionan. No agro continúan existindo unha gran masa de campesiños sen terra, baixo rendemento da terra dado o uso de técnicas arcaicas e a presenza de propietarios absentistas desvínculados do proceso produtivo, e as malas condicións de vida. Por outra parte, os aranceis proteccionistas reservan o mercado nacional aos produtos españois pero non contribúen a facelos máis competitivos no exterior.

A medida que transcorre o período o ditador perde os apoios dos que antes disfrutara e increméntase a oposición ao sistema. A toma de conciencia de que a ditadura tende a perpetuarse deixando de ser unha medida transitoria, ten como consecuencia o aumento das críticas e a oposición dos republicanos que fundan Alianza Republicana e a ORGA a nivel galego, os liberais que piden a volta ao vello sistema tratando de torcer o cambio coa sanjuanada, os anarquistas que atentan contra o rei e crean a FAI, os nacionalistas que radicalizan as súas posturas, así como algúns sectores militares, tales como o corpo de artilleiros que ao enfrontarse ao ditador serán disoltos, pasando a engrosar as filas dos republicanos. A todo isto se suma o empeoramento da situación económica, desencadeada polo Crac da bolsa de Nova York (1929). Estas dificultades forzarán en xaneiro de 1930, a dimisión de Primo de Rivera que remata exiliado a Francia.

Ante esta situación Alfonso XIII trata de voltar ao sistema anterior, polo que encarga a Dámaso Berenguer a formación de novo goberno, e intenta restablecer a Constitución de 1876. Sen embargo, isto xa non é posible, a monarquía atópase desprestixiada, e o balance da ditadura non pode ser máis negativo tal e como se contén no documento 5: "todas as forzas lexítimas, rotas; pero, en troques, intactas todas as forzas novas (...): o caciquismo (...); o sindicalismo revolucionario (..,): os extremismos nacionalistas". A lentitude coa que este novo goberno actúa no restablecemento das liberdades, fai incrementar a oposición á monarquía. Paralelamente a axitación social e política vai en aumento. Os republicanos aumentan os seus apoios e celebran o Pacto de Lestrove e o de San Sebastián. Neste último, republicanos, socialistas, monárquicos e nacionalistas comprométense a derrocar o réxime e substituílo por unha república, inicialmente gobernada por un Comité Revolucionario que actuaría a modo de Goberno provisional que convocaría eleccións a Cortes Constituíntes, establecéndose deste xeito un sistema no que se recoñezan liberdades e a autonomía das rexións. Prodúcense dous pronunciamentos que fracasan, o dos capitáns de Jaca, Galán e García Hernández, e o de Queipo de Llano en Catro Ventos.

Neste estado de cousas convócanse eleccións municipais o 12 de abril de 1931. Foron consideradas como un plebiscito a favor ou en contra da monarquía. A clara vitoria das candidaturas republicanas no medio urbano foi considerado como un apoio á república que se proclama de xeito pacífico o 14 de abril. Coa II República española, dase paso por primeira vez en España, a un sistema democrático. A modo de conclusión pódese indicar que este novo sistema pretendía traer a modernización política e económica do país. Sen embargo, a II República terá que enfrontarse a unha conxuntura internacional adversa, a crise de 1929, a unha conflitividade social que medra ao longo do período dado o limitado resultado das reformas republicanas, e a unha inestabilidade política froito da oposición de dereitas, que acabarán conducindo a unha Guerra Civil e á posterior ditadura franquista.

Descargar

PDF Word HTML