Crise Económica do Século XVII en España: Causas e Recuperación
A diminución da produción agraria e gandeira
O despoboamento das zonas rurais, o aumento das cargas impositivas e a substitución dos cereais por outros cultivos comerciais reduciron a produción. A gandería de Filipe II tamén se resentiu da perda de poboación e produciuse unha caída da produción de lana.
A crise das actividades téxtiles, sobre todo en Castela
A diminución da demanda, o aumento dos impostos e mais a competencia da produción estranxeira (flamenga, inglesa, etc.) arruinaron os artesáns casteláns.
A decadencia doutras actividades artesanais
As actividades relacionadas coas necesidades do Estado, como a construción naval e a metalurxia, víronse afectadas polos problemas económicos da coroa.
A diminución da chegada de metais preciosos de América
Ademais, o pouco que chegaba caía nas mans de comerciantes estranxeiros ou destinábase a pagar as débedas da monarquía.
A crise da Facenda Real
O incesante aumento dos gastos e a diminución dos ingresos conduciu periodicamente á bancarrota do Estado. O recurso ao aumento de impostos non facía senón estrangular aínda máis os sectores produtivos; outras políticas foron o aumento da débeda pública (xuros) e a emisión de moeda de pouca calidade (reais de vellón). Todas estas medidas provocaban un aumento da inflación e un agravamento da recesión económica.
A reflexión dos arbitristas
A existencia destes problemas económicos e a conciencia de encontrarse nunha situación de decadencia levou a un grupo de intelectuais - Tomás de Mercado, Sancho Moncada, etc.- a realizar unha reflexión sobre as causas deses problemas e a propoñer solucións: foron os arbitristas. Houbo unha cantidade enorme de arbitrios; algúns propoñían solucións válidas, pero moitos outros optaban por fórmulas sen sentido.
A recuperación na segunda metade do século XVII
Na segunda metade do século XVII foi remitindo a crise, aínda que a situación era moi diferente nos diversos territorios españois.
- En Cataluña e mais en Valencia as condicións económicas comezaron a recuperarse desde mediados de século e, a finais, a mellora da economía era evidente no crecemento da agricultura, da industria e mais do comercio.
- En Castela unicamente a partir de 1680 empezou a recuperación. Os índices produtivos melloraron e a devaluación dese ano reordenou o panorama monetario. Ao mesmo tempo, a poboación comezou a aumentar de novo.