Crise da Baixa Idade Media: Unha ollada á decadencia do século XIV
Crise da manufactura e do comercio
Xa falamos antes da manufactura, dos gremios e do importante desenvolvemento do comercio internacional no século XIII. Pero debemos considerar que a manufactura que fabricaba para este comercio era case exclusivamente a téxtil, pois noutros aspectos as distintas comarcas autoabastecíanse. E, a pesar do seu desenvolvemento, a industria téxtil estaba moi por debaixo da agricultura, sobre todo porque empregaba a un número relativamente baixo de persoas.
A crise demográfica e agrícola inflúe tamén na industria téxtil, xa que diminúe a man de obra e o número de consumidores, o que significa menos demanda, descenso da produción e baixada dos salarios. Nas dúas grandes zonas europeas produtoras de tecidos de lá, Flandes e norte de Italia, apréciase unha notable diminución da produción ao longo do século XIV.
Onde a crise é máis clara é nos intercambios comerciais: as feiras de Champaña decaen e a ruta do Ródano trasládase ao leste. As cidades flamengas veranse moi afectadas e Bruxas xa non rexurdirá desta decadencia. Do mesmo xeito, advírtese a crise do comercio nas cidades da Hansa e nos portos do Mediterráneo: Barcelona perderá a metade da súa poboación nese período.
A inestabilidade social do campo influirá na da cidade e nalgunhas comarcas prodúcense levantamentos da pequena burguesía contra o patriciado. Desde agora aumentarán as diferenzas entre a alta burguesía e o baixo pobo, sobre todo cando o artesán vaia transformándose en obreiro e cando o campesiño chegue do campo á procura de traballo e se atope nun medio descoñecido e hostil.
Crise espiritual
A crise xeral inflúe tamén sobre o mundo relixioso en dúas vertentes. Por un lado, o Papado vese mediatizado pola monarquía francesa e é obrigado a residir en Aviñón durante case todo o século XIV (1306-1376), o que provocou un cisma na Igrexa de Occidente, chegando a existir tres papas simultáneos a comezos do século XV. Esta situación quedou resolta logo da elección do Papa Martiño V no Concilio de Constanza de 1415. Esta situación de inestabilidade institucional fixo que parte do clero se corrompera polos malos costumes. Pero, por outra banda, advírtese un amplo movemento místico nas masas, aterradas pola inseguridade provocada polas epidemias, as guerras e os bandidos. O temor constante da morte leva ao home a preocuparse aínda máis polo máis alá e na literatura popular aparecen con máis frecuencia os temas da gloria e do inferno, xa retratados na obra A Divina Comedia de Dante, un florentino que viviu a cabalo dos séculos XIII-XIV. Tamén son frecuentes as “danzas da morte”, nas que todos, pobres e ricos, resultan igualados ante o destino que lles espera.
O desexo dunha experiencia relixiosa máis pura e dunha reforma da Igrexa levou a algúns a caer na herexía, como o bohemio Jan Hus, que rematou morrendo queimado.