Crise de 1929: Crac da Bolsa, Gran Depresión e New Deal

Historia2,5 KB

Os felices anos 20

Na década de 1920, os EE. UU. eran a maior potencia económica mundial. O consumo de masas aumentou. A boa marcha dos negocios propiciou un incremento dos valores das empresas na Bolsa de Nova York e, desde 1925, as cotizacións non deixaron de subir, polo que moitos norteamericanos investiron os seus aforros ou solicitaron créditos para comprar accións; tamén o fixeron as empresas.

O crac da Bolsa de Nova York

O 24 de outubro de 1929 (coñecido como Xoves Negro) produciuse o afundimento do mercado de valores. O pánico fixo que toda a xente quixese vender as súas accións. Moitos arruináronse e algúns ata se suicidaron.

  • A causa principal foi a especulación bolsista (aumento do valor das accións pola demanda) combinada co pánico. A súa extensión produciuse por problemas de superprodución (oferta de produtos superior á demanda) e crecentes stocks, que puñan en risco de quebra ás empresas.
  • Os efectos notáronse en todos os sectores. Os bancos quebraron porque quedaron sen reservas pola retirada de capitais, deixando sen aforros a miles de persoas. As empresas tiveron que pechar ou reducir o seu persoal por falta de vendas, isto enviou ao desemprego a millóns de traballadores.

A Gran Depresión e o New Deal

Como consecuencia da retirada dos créditos a outros países, a crise de 1929 afectou a todo o mundo, provocando unha gran crise mundial. Por isto aumentou o desemprego e, polo tanto, empeorou a situación das clases medias. Produciuse un incremento do malestar social que favoreceu o comezo das protestas e dos intentos de revolución. Comezou así a Gran Depresión dos anos 30.

Para reducir os efectos da crise leváronse a cabo medidas como:

  • Establecer medidas proteccionistas ou de autarquía por parte dos gobernos.
  • Aplicar novas medidas económicas, destacando as do economista Keynes, que supuxeron o abandono do liberalismo económico clásico.

En 1933, saíu elixido presidente dos EE. UU. Franklin Delano Roosevelt quen, para facer fronte á crise, puxo en marcha o New Deal, un conxunto de reformas que, seguindo as ideas de Keynes, tratou de restaurar a confianza no sistema, reducir o desemprego e favorecer o consumo das clases traballadoras (salario mínimo, construción de obras públicas...).

Descargar

PDF Word HTML