A crise de 1917: militar, política e social

Historia3,14 KB

A crise de 1917 presentou tripla vertente: militar, política e social. A militar debeuse á creación das Xuntas de Defensa en Barcelona, integradas por oficiais de media e baixa graduación para defender os seus intereses económicos, dada a perda de poder adquisitivo dos salarios e precariedade económica dos oficiais. A esta reivindicación engadíronselle outras como o regulamento dos ascensos por antigüidade e non por méritos de guerra, a defenda do honor dos militares e a necesidade de reprimir o socialismo, anarquismo e nacionalismo. Pese a que o Goberno de Dato as disolveu, tivo que volver a recoñecelas pola presión do resto da oficialidade. Este feito evidenciou o sometemento do poder civil ao militar e os militares lograron intervir no nomeamento do ministro de Guerra erexíndose en garantes da orde pública.

Política e autonomía

A política consistiu na presión exercida polo líder da Liga Rexionalista de Cataluña, Francesc Cambó, para que se concedese autonomía a Cataluña. A negativa do goberno central levou a que se convocase en Barcelona unha reunión de deputados e senadores cataláns que pedían a convocatoria de Cortes constituíntes para debatir sobre a autonomía rexional e local. En caso de que o goberno se negase invitaban a parlamentarios españois a unha Asemblea extraordinaria en Barcelona á que acudiron un reducido número de parlamentarios catalanistas, republicanos e socialistas. Esta foi declarada ilegal polo goberno e fracasou ademais porque a burguesía catalana, representada na Liga, temía que se producise unha revolución social e buscou o acordo co goberno central.

O aspecto social

A social hai que relacionala co malestar de gran parte da poboación pola subida do prezo dos alimentos como consecuencia das exportacións á Europa en guerra. Convocouse unha folga xeral revolucionaria por parte do PSOE e UXT, que contou co apoio de republicanos e CNT, co obxectivo de derrocar o réxime canovista e convocar Cortes constituíntes. Tivo un seguimento maioritario entre o proletariado de Madrid, Levante, Barcelona, País Vasco e Asturias. Pero o goberno impuxo a lei marcial e levou a cabo unha forte represión sobre os membros do comité de folga condeados a cadea perpetua e sobre o resto dos traballadores. Finalmente fracasou. Pese a que o goberno logrou manter a situación era evidente o malestar de diversos sectores da sociedade e o inicio da crise do sistema canovista.

Consecuencias e desastre de Annual

Trala crise de 1917 houbo dificultades para crear gobernos duradeiros, sendo necesario acudir á formación de gabinetes de concentración, incapaces de solucionar os problemas. Ademais en 1921 produciuse o desastre de Annual, cando o xeneral Silvestre realizou unha manobra arriscada para ocupar Alhucemas, sen asegurar a retagarda. As cabilas rifeñas, mandadas por Abd el-Krim infrinxiron unha gran derrota ás tropas españolas e proclamaron a independencia da República do Rif. Este desastre tivo gran impacto na opinión pública e contribuíu a desprestixiar a monarquía, exército e guerra, favorecendo en última instancia o golpe de Estado de Primo de Rivera en 1923.

Descargar

PDF Word HTML