''o coñecemento teorico''

Filosofía e ética8,21 KB

ANÁLISE

O mito da caverna, segundo Platón, amosa que o que percibimos cos sentidos, o chamado mundo sensible, non é a verdadeira realidade, senón unha copia ou ilusión. Para Platón existe un mundo máis real, o mundo das ideas, onde se atopan as formas perfectas de todas as cousas, como a beleza, a xustiza ou a bondade.

No mito, uns prisioneiros permanecen encadeados dentro dunha caverna, vendo só as sombras que se proxectan nas paredes e crendo que esas sombras son a única realidade. Cando un prisioneiro consegue liberarse e saír ao exterior, a luz do sol faino sufrir, pero pouco a pouco descobre o verdadeiro mundo que o rodea. O sol simboliza a verdade e o ben, a fonte do coñecemento. Ao volver á caverna para contarlles aos demais o que viu, non lle cren e incluso o matan, mostrando o difícil que é aceptar a verdade cando se está afeito á ignorancia.

O mito tamén representa o proceso de educación da alma e o paso do ser humano do mundo sensible ao mundo intelixible. O mundo sensible é cambiante e imperfecto, mentres que o mundo das ideas é eterno, perfecto e intelixible. A medida que o prisioneiro se acostuma á luz, simboliza a aprendizaxe e o acceso ao coñecemento verdadeiro, que só se alcanza mediante a razón.

Algúns conceptos fundamentais do mito son: razón, que permite coñecer a realidade máis alá dos sentidos; sombras, que representan aparencias falsas; lume, a luz da caverna que mostra unha realidade limitada; sol, que simboliza o ben e a verdade; e a subida ao mundo superior, que representa a liberación da ignorancia e a ascensión cara ao verdadeiro coñecemento. Aplicar estas ideas permite actuar con sabedoría tanto na vida persoal como na vida social e política.

CRÍTICA

Desde a miña perspectiva, o texto de Platón trata sobre a procura do coñecemento verdadeiro. Hoxe en día, isto lévanos a reflexionar sobre como moitas persoas permanecen “atadas” ás aparencias e só perciben unha pequena parte da realidade. Esta idea pódese relacionar co uso das redes sociais ou cos medios de comunicación, que a miúdo ofrecen unha visión parcial ou distorsionada do mundo. Para superar isto, é necesario aprender a pensar por nós mesmos, reflexionando de forma crítica e contrastando a información que recibimos.

Desde o punto de vista de Aristóteles, esta teoría de Platón sería criticable polo seu excesivo dualismo entre o mundo sensible e o mundo intelixible. Para Aristóteles, o coñecemento empeza polos sentidos e pola observación directa do mundo, non nun plano separado e exclusivamente racional. Este filósofo defendía que a forma e a materia están inseparablemente unidas en todas as cousas, e que a idea do ben non existe como unha entidade independente, senón que se manifesta nas accións humanas, sobre todo na busca da felicidade, chamada eudaimonía.

En conclusión, segundo Aristóteles, o verdadeiro coñecemento require combinar a reflexión racional coa experiencia da vida cotiá, rexeitando así a concepción platónica das Ideas.


TEXTO 2 

ANÁLISE

No libro A República, Platón utiliza o símil da liña para explicar os distintos niveis de coñecemento, facendo máis comprensible a diferenza entre o pensamento discursivo e a intelixencia pura. Neste fragmento céntrase no pensamento discursivo, propio das ciencias e da xeometría, que é superior á simple opinión pero non alcanza a verdade absoluta, xa que se basea en hipóteses sen demostrar.

O símil divide o coñecemento en catro niveis: eikasía, a imaxinación e as sombras; pístis, a crenza nas cousas sensibles; dianóia, o pensamento discursivo das ciencias e matemáticas; e nóesis, o coñecemento puro das Ideas. Cada nivel mostra un grao diferente de realidade, desde a opinión ata a auténtica sabedoría.

Platón explica que o pensamento discursivo, aínda que non depende dos sentidos, non alcanza o coñecemento absoluto porque parte de hipóteses e non do principio primeiro, a Idea do Ben. Por iso, este nivel sitúase entre a crenza e a intelixencia pura.

En conclusión, a dialéctica é o método máis elevado de coñecemento, baseado no diálogo e na reflexión racional, que permite superar opinións e hipóteses para alcanzar os principios verdadeiros.

O texto estrutúrase en tres partes: primeiro, Glaucón recoñece a importancia do tema; despois, Platón explica o pensamento discursivo dos científicos e matemáticos; e finalmente, conclúe que este pensamento é inferior á intelixencia, porque queda limitado polas hipóteses sen alcanzar o coñecemento total.

CRÍTICA

Desde o meu punto de vista, estou de acordo con Platón cando afirma que o verdadeiro coñecemento non se alcanza simplemente repetindo ideas, senón buscando as súas causas e fundamentos. É fundamental pensar de forma propia e non quedarse coa primeira explicación que se presenta. Non obstante, tamén considero que as hipóteses e a observación son necesarias para avanzar no saber. Por exemplo, ao estudar matemáticas, primeiro aprendemos fórmulas sen coñecer a súa orixe; máis adiante entendemos o seu funcionamento e chegamos aos principios aplicando un pensamento máis profundo. Por iso, as hipóteses son útiles como punto de partida.

Desde a perspectiva de Aristóteles, este fragmento de Platón podería ser criticado por dar demasiada importancia ás Ideas e separalas do mundo real. Para Aristóteles, o coñecemento non trata de realidades intelixibles que existen nun mundo aparte, senón dos individuos concretos que podemos observar. Consideraría que o erro de Platón é subestimar o mundo sensible, cando en realidade o coñecemento comeza a partir da experiencia directa.


TEXTO 1

ANÁLISE

A idea principal deste texto é que a xustiza no individuo reflicte a xustiza na cidade. É dicir, unha cidade considérase xusta cando cada un dos seus grupos ou clases cumpre correctamente a súa función, e, do mesmo xeito, unha persoa é xusta cando as distintas partes da súa alma están ben ordenadas e cada unha realiza o que lle corresponde.

Para que isto se cumpla, Platón presenta dúas divisións fundamentais. A primeira é a división da alma en tres partes: a racional, que ten como virtude a prudencia; a irascible, coa fortaleza como virtude; e a apetitiva, que busca praceres e debe ser controlada pola temperanza. A segunda é a división das clases sociais na cidade: os produtores, encargados de satisfacer as necesidades materiais; os militares, responsables de defender a cidade e manter a orde; e os gobernantes, que dirixen o Estado. Se se respecta a correspondencia entre estas dúas divisións, conséguese unha sociedade equilibrada que alcanza a eudaimonía, a verdadeira felicidade, a través da xustiza.

En canto á estrutura do texto, pódese dividir en tres partes. No primeiro fragmento, Platón explica que a xustiza funciona igual no individuo e na cidade: a cidade é xusta cando cada grupo cumpre a súa función, e a persoa é xusta cando cada parte da súa alma actúa correctamente. No segundo fragmento, detállase que a cidade é xusta cando cada grupo realiza ben as súas tarefas, e por iso se di que a cidade tamén é moderada, valente e sabia. No terceiro fragmento, Platón mostra que, se a alma dunha persoa está equilibrada e cada parte cumpre a súa función, entón a persoa tamén é xusta e posúe os mesmos atributos que a cidade: moderación, valentía e sabedoría.

CRÍTICA

Desde o meu punto de vista, Platón presenta unha idea de xustiza clara e lóxica, pero moi idealizada. Na vida real, as persoas non sempre teñen a alma equilibrada e as cidades raramente funcionan de forma perfecta, xa que os desexos, emocións e conflitos inflúen no comportamento individual e colectivo.

Aristóteles criticaba esta visión ideal de Platón, defendendo que a xustiza non está nun modelo abstracto, senón nas accións reais das persoas e no funcionamento efectivo das cidades. Para él, a xustiza débese valorar na vida cotiá, nas leis e no comportamento ético, considerando as circunstancias concretas.

Descargar

PDF Word HTML