Conceptos Clave da Historia de España e Galicia

Historia6,5 KB

Glosario de Termos Históricos

Economía predadora

Economía predadora caracterizada por consumir os recursos da natureza sen xerar produción e que está baseada na caza de animais, a pesca e a recolección de froitos silvestres. É característica do Paleolítico. Oponse á economía produtiva.

Megalitismo

Megalitismo: cultura xurdida no Calcolítico en numerosas áreas peninsulares e europeas e caracterizada polas construcións con finalidades funerarias, feitas a base de grandes pedras que dan nome á cultura megalítica. A súa tipoloxía é variada: dólmenes, menhires, taulas...

Castro

Castro: poboado característico dos pobos prerromanos no noroeste peninsular. Estaban situados en lugares defensivos e rodeados de fortificacións de pedra e terra. No seu interior acollían construcións domésticas realizadas en pedra nas que predominaba a planta redondeada. A súa área cultural comprendía desde Galicia ata os ríos Sella e Douro. Foron abundantes na segunda Idade de Ferro e desapareceron coa romanización.

Guerras cántabras

As guerras cántabras supoñen a última etapa no proceso de conquista romana da Península Ibérica. Comprenden unha serie de campañas militares nas que participou o emperador Octavio Augusto entre o 29 e o 19 a.C. Rematan coa total derrota dos cántabros, astures e galaicos.

Conventus

Conventus: subdivisión territorial das provincias da Hispania romana. Eran unidades administrativas de carácter xudicial, de recadación de impostos e recrutamento de tropas. Englobaban civitas.

Bárbaros

Bárbaros: individuos de calquera dos pobos situados á marxe da civilización grega e romana. Desde os primeiros séculos intentaron facer incursións contra a civilización romana ata que no século V conseguirán destruír o Imperio romano e asentarse na maior parte de Europa. De distinta orixe.

Aula Regia

Aula Regia: organismo do Estado hispanogodo que colaboraba co rei na elaboración das leis e o asesoraba en asuntos políticos, militares e xudiciais. Estaba formado polos magnates da corte, os gobernadores provinciais, os membros da comitiva real, os xefes militares, os xuíces e os xefes de palacio.

Abdicacións de Baiona

Abdicacións de Baiona: coa escusa de mediar nas disputas dinásticas entre Carlos IV e o seu fillo Fernando, Napoleón reuniunos en Baiona en 1808 e obrigounos a cederlle o trono de España a cambio de cuantiosas posesións, rendas e privilexios en Francia. Napoleón finalmente nomeou rei de España ao seu irmán Xosé.

Afrancesados

Afrancesados: españois partidarios de Xosé I e da Constitución de Baiona. Eran aristócratas e intelectuais ilustrados. Foron combatidos por liberais e absolutistas dada a súa colaboración cos franceses entre 1808 e 1814. Houbo afrancesados políticos como Llorente e Azanza, culturais como Meléndez Valdés e afrancesados de conveniencia. Contra eles desatouse unha dura represión desde 1814.

Tratado de Valençay

Tratado de Valençay: acordo firmado entre Napoleón e Fernando VII en decembro de 1813 en Francia. Este supoñía o remate das hostilidades entre franceses e españois e Fernando VII era reposto no trono de España. Coa sinatura deste tratado, dábase por concluída a Guerra de Independencia.

Manifesto dos Persas

Manifesto dos Persas: documento público de apoio ao absolutismo de Fernando VII escrito e asinado por 69 deputados absolutistas e opostos á Constitución de Cádiz. É coñecido por este nome porque comezaba coa frase: “Señor, era costume dos persas...”. Tivo como consecuencia a implantación do Antigo Réxime por parte de Fernando VII.

Pragmática Sanción

Pragmática Sanción: lei aprobada polas Cortes Xerais de 1789 a instancias de Carlos IV, para anular o auto acordado de Filipe V que introducira a Lei Sálica en España. Foi publicada por Fernando VII en 1830 para posibilitar que a súa filla Isabel puidera reinar. A súa posta en práctica tivo como consecuencia as Guerras Carlistas.

Estatuto Real de 1834

Estatuto Real de 1834: documento que se asemella a unha constitución na que o rei concede certos dereitos ao pobo sen que este participe na concesión e sen recoñecer a soberanía nacional. Foi concedido pola raíña rexente María Cristina en 1834 e que, por influencia francesa, tiña carácter de carta outorgada, propia do liberalismo doutrinario. Nel a Coroa non renuncia á soberanía aínda que a comparte coas Cortes.

Desamortización

Desamortización: modificación do réxime de propiedade mediante a apropiación e venda, por parte do Estado, de “bens de mans mortas” pertencentes ás institucións eclesiásticas e civís que tiñan prohibido o alleamento dos seus bens raíces. As principais operacións fixéronse a instancias de Mendizábal en 1837 e de Madoz en 1855.

Pronunciamento

Pronunciamento: rebelión militar contra o goberno dun país para cambiar a súa orientación política ou para derrocalo. Ten a súa orixe na España do século XIX. Para que exista pronunciamento ten que haber un acordo previo entre o líder militar sublevado (espadón) e a forza política que o apoia. Foron moi comúns no século XIX. O primeiro que triunfou foi o pronunciamento de Riego en 1820, que obrigou a Fernando VII a acatar a Constitución de 1812.

Cantonalismo

Cantonalismo: movemento político que defende a autonomía das rexións. Relaciónase co federalismo republicano español da Primeira República. Iniciouse en 1873 en Cartaxena e estendeuse a outras zonas de España. O seu obxectivo era estender o federalismo ata as súas últimas consecuencias e baseábase na democracia directa, a autonomía de municipios, o reparto da terra... Provocou unha crise na I República.

Descargar

PDF Word HTML