Conceptos clave da Historia de España: Do Antigo Réxime
Mouriscos
Denominación dada aos musulmáns convertidos ao cristianismo tras a pragmática dos Reis Católicos de 1502, tanto na Coroa de Castela como na de Aragón. No reinado de Felipe II participaron na revolta das Alpujarras, tras a cal foron expulsados cara a outros territorios do reino de Castela, para ser definitivamente expulsados en 1609 durante o reinado de Felipe III.
Terzos
Unidades de combate durante a época dos Austria, formadas por soldados profesionais a soldo que defendían as posesións españolas do Imperio. Os gobernadores da monarquía utilizábanos para combater en primeira liña da fronte. Tiveron un gran protagonismo no norte de Europa, e sobre todo en Flandres.
Unión de Armas
Proxecto elaborado polo Conde-Duque de Olivares en 1626 que establecía un reparto da carga militar e fiscal entre todos os reinos e señoríos. O proxecto establecía a creación dun exército permanente repartido entre os distintos reinos. Non puido levarse á práctica principalmente pola oposición da Coroa de Aragón.
Valido
Favorito dos denominados Austrias menores. Estes monarcas delegaron as súas funcións nestas personalidades que actuaban como xefes de goberno, restando cada vez máis protagonismo aos reis. Moitos deles utilizaron o poder no seu propio beneficio.
Xuntas do Reino de Galicia
Institución do Antigo Réxime creada inicialmente como voceiro das antigas sete provincias de Galicia e, dende 1528, como representación do Reino ante o monarca. Estaba formada polos delegados dos concellos das cidades capitais das provincias. Non tiñan funcións de goberno, pero si capacidade para:
- Conceder diñeiros ao monarca.
- Ordenar levas militares.
- Distribuír cargas fiscais.
- Aconsellar e formular peticións ao rei.
Abdicacións de Baiona
Nome polo que se coñecen as renuncias sucesivas que tiveron lugar o 5 de maio de 1808 dos reis Carlos IV e do seu fillo Fernando VII ao trono de España en favor de Napoleón Bonaparte. O emperador francés, pouco despois, cederá tales dereitos ao seu irmán Xosé Bonaparte, que reinará como Xosé I. Este é un dos acontecementos que dará inicio á Guerra da Independencia española.