Conceptos Clave do Antigo Réxime en España (s. XVIII)
Antigo Réxime
Sistema político e socioeconómico propio dos séculos XVI ao XVIII. Caracterízase pola monarquía absoluta como forma predominante de goberno, unha economía de base agraria e unha sociedade de carácter estamental.
Catastro de Ensenada
Avaliación da riqueza da Coroa de Castela iniciada en 1749, a instancias do marqués da Ensenada. Tiña como obxectivo permitir a aplicación da Única Contribución, tributo pensado para substituír as rendas provinciais. Constitúe unha fonte de grande valor para o estudo da poboación e a economía da época.
Decretos de Nova Planta
Leis aprobadas por Filipe V de Borbón tras a súa vitoria na Guerra de Sucesión española en 1714. Con estas leis púxose fin aos privilexios forais da Coroa de Aragón en beneficio das institucións e leis de Castela. Estes Decretos foron aprobados para castigar a participación da Coroa de Aragón no bando do arquiduque Carlos contra Filipe V.
Despotismo Ilustrado
Forma de goberno absoluto que practicaron os reis da segunda metade do século XVIII, inspirada nas ideas da Ilustración. Os déspotas ilustrados, como Carlos III, inauguraron reformas económicas e culturais co obxectivo de mellorar as condicións políticas. O despotismo ilustrado resúmese na frase: "Todo para o pobo, pero sen o pobo".
Motín de Esquilache
Revoltas que se produciron en Madrid contra as disposicións de Esquilache, ministro italiano de Carlos III. A causa aparente foi a prohibición do uso de sombreiros de á ancha e capa longa, pero as causas profundas estaban no malestar popular pola crise económica, estimulado pola nobreza e o clero. Unha das consecuencias máis importantes foi a expulsión dos xesuítas.
Paz de Utrecht
Convenio asinado en 1713 coas potencias europeas que sancionaba o final da Guerra de Sucesión española. Nel, Filipe V sería recoñecido rei e España faría concesións territoriais e coloniais aos que apoiaron a Carlos de Austria.
Regalismo borbónico
Os Borbóns impuxeron esta medida para intentar diminuír o poder temporal da Igrexa e así poder fortalecer o poder do monarca sobre todos os asuntos relixiosos.