A concepción do ser humano na historia da filosofía
1.1. Platón: O dualismo antropolóxico
Platón propón un sistema dualista baseado en dous mundos: un coñecido a través dos sentidos, que é sensible e variable; e outro captado a través da razón, que é intelixible e inmutable. O ser humano está composto de dúas substancias: un corpo de natureza animal e unha alma racional de natureza sobrenatural. Esta parte racional, a máis esencial aos humanos, é prisioneira dun corpo ao que ha de controlar e do que aspira a liberarse. Platón exemplificou ese dualismo a través de tres mitos:
- Mito do carro alado: Ten como función básica explicar como a alma humana participa, por unha banda, da excelencia da natureza divina (a razón representada polo auriga, que debe guiar a conduta) e, por outra, da natureza terreal pasional (representada polos cabalos). É unha explicación da tensión entre a razón e o desexo, e como este debe estar subordinado a aquela. Esa alma ou psyché é a fonte do coñecemento verdadeiro grazas ao recordo dos modelos ou arquetipos das cousas sensibles (Ideas) que contemplara no mundo das ideas. Esta teoría da reminiscencia esixe non tanto a inmortalidade da alma senón a súa preexistencia.
- Mito da caverna: É unha alegoría da situación na que se atopa o ser humano respecto do coñecemento. Os prisioneiros e o seu estado inicial simbolizan os seres humanos e o seu errado coñecemento da realidade. O que supoñen como verdadeiro é aquilo que captan polos sentidos. A verdadeira realidade estaría representada polo mundo das Ideas, iluminadas polo sol (imaxe da idea de Ben) e captadas pola razón. O prisioneiro liberado e con intencións de liberador simboliza o filósofo.
- Mito de Er: A morte é un tempo de xustiza e representa unha nova oportunidade para poder elixir unha vida virtuosa. O destino futuro das almas depende da súa libre elección.
1.2. Aristóteles: A perspectiva naturalista
Aristóteles estuda o ser humano desde a física, cunha perspectiva naturalista. Non comparte o sistema dualista, pois alma e corpo non son entidades separables, senón elementos indisolubles. A alma é a forma do corpo, un principio de vida. Aristóteles distingue distintos tipos de alma:
- Alma vexetativa.
- Alma sensitiva animal.
- Alma racional ou humana.
O razoamento e a linguaxe son características propias da alma racional. Recoñece outro elemento esencial na constitución humana: a súa sociabilidade. A comunidade da polis non é unha construción convencional ou arbitraria, senón unha realidade natural como calquera agregado social existente entre os animais. A natural sociabilidade humana aséntase na súa natureza racional, dialóxica e ética.
A pesar das diferenzas entre Platón e Aristóteles, ambos comparten a idea da supremacía da razón fronte ás paixóns. Ademais, aínda que en Aristóteles se deduciría o carácter mortal da alma, tamén afirma que existe algo "inmortal e eterno" nos homes.
3.1. René Descartes: Racionalismo e dualismo
Iniciador do racionalismo, tenta buscar unha base segura para asentar o coñecemento humano. Para iso, comeza un proceso de dúbida de todo o que podía ser considerado verdadeiro, o que o leva a poder afirmar de xeito indubidable: "Penso, logo existo". Esta intuición é unha verdade absoluta, pois a mesma dúbida a confirma. Desa intuición deduce a propia existencia e que ese "eu" que existe é res cogitans (substancia pensante).
Aínda que, segundo Descartes, podamos finxir que non temos corpo, non podemos finxir que non pensamos. Tamén recoñecemos en nós a res extensa (extensión ou materia), o corpo. O noso corpo móvese mecanicamente. Que relación se establece entre a alma e o corpo, entre pensamento e materia, entre mente e cerebro? Descartes explicará o movemento dos organismos vivos coma se fosen máquinas. Por tanto, o ser humano sería un híbrido de máquina e autoconciencia. Ideou a hipótese de que na glándula pineal se realizaba esa conexión entre a alma e o corpo. O problema non quedou resolto. Ese mecanicismo cartesiano influirá na concepción do ser humano entre os ilustrados franceses: a alma non é unha entidade autónoma-espiritual, senón que depende do corpo. O ser humano é unha máquina, pero unha máquina que pode pensar.
4.3. Friedrich Nietzsche: A ruptura cos valores
Nietzsche rompe coas concepcións sobre o ser humano da tradición filosófica anterior e sobre os outros dous temas cruciais da filosofía: Deus e o mundo. Ao proclamar a morte de Deus, afirma tamén a morte de todos os valores que nel se sustentaban. Recoñece que "non existen feitos, só interpretacións". O mundo enténdese só desde unha perspectiva antropocéntrica.
Denuncia que a xenuína interpretación antropocéntrica foi terxiversada. Segundo Nietzsche, a filosofía anterior estivo marcada polo dualismo platónico e cristián, así como polo sentimento de culpa nacido co xudaísmo. Estes son aspectos que inverteron os verdadeiros valores humanos; é preciso volver a transmutalos. A outra gran corrente intelectual, o darwinismo, tamén está presente na súa filosofía. A súa proposta do superhome é un expoñente desa influencia: o superhome supera as convencións sociais e as ataduras do sentimento de culpa.
4.2. Karl Marx: Socioloxía e alienación
A teoría de Marx achega á concepción do ser humano a súa sociabilidade natural. O traballo convértese no factor constitutivo da sociedade e da natureza humana. O home defínese polo traballo produtivo de bens materiais: o home é homo faber, un ser produtor. O traballo é o feito fundamental da vida humana: traballando humanizámonos á vez que "humanizamos" a natureza, perfeccionámola. O seu verdadeiro ser consiste nas súas relacións cos demais homes e coa natureza.
Pero o home moderno, segundo Marx, é un traballador alienado. O home, ao realizar a súa actividade transformadora, proxéctase nos produtos do seu traballo. O obxecto producido convértese en obra e propiedade súa. Na sociedade capitalista, o resultado da acción produtiva non lle pertence, senón que devén propiedade doutro; ao suxeito produtor resúltalle alleo e estraño. Esta situación denomínase alienación.
O alienado non é só o produto, senón tamén o produtor. Dado que o ser humano consiste na súa acción produtiva, a desposesión do produto implica a negación de si mesmo. Esta alienación aparece coa propiedade privada dos medios de produción. O traballador é convertido en cousa e "véndese e cómprase" como unha mercadoría mediante o salario, o que produce frustración e tristeza. Marx tamén falará da alienación relixiosa (o home crea unha dependencia de Deus), política e ideolóxica.
Esta situación superarase mediante a toma de conciencia do proletariado e unha revolución para instaurar unha sociedade comunista sen propiedade privada nin clases. O aspecto antropolóxico máis sólido da súa teoría é que a nosa conciencia individual é consecuencia das condicións materiais da existencia.
Simone de Beauvoir: O existencialismo e o xénero
Simone de Beauvoir, asumindo os presupostos da filosofía existencialista, analiza a condición da muller, tradicionalmente postergada. Para o existencialismo, o ser humano ten que facerse (é un proxecto). Cando o ser humano renuncia a ser un proxecto e cae nos dos demais, cousifícase. O home aparece como un proxecto desde o que se define, mentres que a muller se define desde o masculino como un "segundo sexo".
O feminino aparece vinculado á pasividade e á dependencia, negándolle un proxecto de vida propio. Beauvoir exprésao coa frase: "Non se nace muller: chega unha a selo". Con isto mostra que detrás da identidade feminina hai un armazón cultural que asigna roles en función do sexo. O "feminino" é, pois, unha construción social.
A historia mostra que a limitación da muller a tarefas subordinadas non é unha condena biolóxica. A saída pasa pola defensa dos dereitos, a educación na autonomía e a independencia económica. No home non hai outro lexislador que el mesmo.