Cartesianismo: Mente, Materia e Causalidade
Co nome de cartesianismo coñécese o movemento inaugurado por René Descartes (Cartesius é a versión latina do seu nome). Este movemento configurou a paisaxe filosófica do período inicial da modernidade, e a súa influencia, incluso na actualidade, aínda permanece viva.
O Cartesianismo como Programa Científico
Nas décadas que seguiron á morte de Descartes, o cartesianismo era considerado primariamente como un programa para a ciencia física baseado en principios matemáticos. Descartes definira a materia como res extensa, ou substancia estendida, é dicir, todo o que ten lonxitude, profundidade e altura. O programa cartesiano consistía en presentar todos os casos explicables en termos de modos ou modificacións da extensión. En efecto, isto significaba amosar como toda a aparente complexidade e diversidade da materia podía ser explicada por referencia simplemente ao tamaño, forma e movemento das partículas das que estaba composta.
Rexeitamento das Formas Ocultas
Gran parte do atractivo do enfoque cartesiano na segunda metade do século XVII debeuse ao seu rexeitamento das formas e calidades ocultas e a súa insistencia de que a física debería invocar só as propiedades claras e distintas das matemáticas. Un crecente número de críticas sinalaba, sen embargo, que a mera extensión en tres dimensións só sería capaz de producir un universo inerte e pasivo. Para xerar o movemento do sistema, os cartesianos non terían máis remedio que recorrer a Deus, ao que Descartes describira como a causa primeira do movemento, que no principio creou a materia xunto co seu movemento e repouso, e que agora preserva a mesma cantidade de movemento que puxo nela dende o principio (Principios, pt. II, art. 36).
O Movemento e a Forza na Materia
O verdadeiro valor do recurso a unha inmutable e continuada acción divina no sistema de Descartes estaba no rexeitamento do suposto aristotélico de que o movemento é unha tendencia natural e inmanente á materia. Precisamente, moitos dos debates filosóficos sobre o cartesianismo centráronse na súa negación de que a materia posuíra o menor poder ou forza.
A Visión de Malebranche
Para algúns, sobre todo para o discípulo de Descartes, Nicolás de Malebranche, este punto de vista vai permitir xustificar a omnipotencia divina (só Deus ten o poder requirido para ser tido por un xenuíno axente causal).
A Visión de Leibniz
Sen embargo, para outros como G.W. Leibniz, a física non pode reducirse a unha serie de leis explicativas arbitrarias divinamente decretadas. Xa que logo, para Leibniz, o comportamento da materia ten que proceder de algo inherente á súa natureza e, polo tanto (contra os cartesianos), ten que haber algún recurso á noción de forza ou poder nas cousas.
O Cartesianismo e a Causalidade
Estes debates son indicativos da medida en que a nova física cartesiana propuxo serias cuestións acerca da natureza da causación nos últimos anos do século XVII e primeiros do XVIII, preparando o camiño para a crítica radical que David Hume faría da idea de causalidade.
A Teoría Cartesiana da Mente
Para os filósofos actuais, o principal tema do cartesianismo que conserva o seu interese é a súa teoría da mente (alma, res cogitans). O dualismo antropolóxico cartesiano mantén que:
- A mente é unha substancia totalmente separada do corpo.
- A súa natureza é absolutamente diferente da natureza de todo o físico: é unha cousa incorpórea, indivisible, non espacial, inextensible (enteiramente distinta do corpo, e que non deixaría de ser incluso se o corpo non existise Discurso do Método, pt. IV).
Críticas á Teoría Cartesiana da Mente
Na actualidade é evidente que a concepción da mente como unha pantasma na máquina do corpo ten poucos seguidores. A súa concepción da natureza da mente é extremadamente escura: disenos o que a mente non é (non extensa, non divisible), pero non se nos da ningunha explicación satisfactoria do que é. Por outra banda, incluso aínda que estivera garantida a existencia de tal suposta substancia puramente espiritual, está lonxe de ser claro como podería interactuar co mecanismo do corpo. A forma de cartesianismo proposta polos discípulos de Descartes a finais do século XVII contentábase con considerar as correlacións mente-corpo como regularidades decretadas por Deus.
A Supervivencia do Cartesianismo Residual
A razón de que o enfoque cartesiano da mente non se teña extinguido na actualidade está no feito de que moitos filósofos continúan mantendo que hai algo na conciencia que elude o mecanismo explicativo da ciencia física. A supervivencia deste cartesianismo residual da testemuña da importancia do enfoque de Descartes respecto do complexo problema da conciencia e da súa relación co mundo físico.