Características da Razón Ilustrada: Unha Análise Profunda

Filosofía e ética2,51 KB

Características da Razón Ilustrada

A Ilustración caracterízase por presentar un novo concepto da razón, ben distinto ao das épocas anteriores. Xa non se trata dunha razón que está ao servizo da teoloxía como na época medieval, nin tampouco dunha razón que, ao final, está tutelada por Deus como no caso de Descartes. O movemento ilustrado, e Kant como parte deste, vai incidir nas seguintes características da razón:

  • A Autonomía da Razón

    Despois do longo período medieval no que a razón está sometida ao criterio da fe, a filosofía moderna vai reivindicar a autonomía da razón. Porén, a pesar de ser autónoma, a razón ten uns límites que os marca a experiencia. Todos os seres humanos, nas súas diferentes culturas e épocas, teñen uns caracteres racionais comúns, unha "esencia" ou "natureza" racional que os caracteriza a todos por igual. Polo tanto, os límites aos que está sometida a razón proveñen da súa propia natureza e márcaos a experiencia.

  • A Razón Crítica

    A Ilustración, ademais dunha razón autónoma e limitada á experiencia, postula tamén unha razón crítica. Por un lado, o dogmatismo racionalista propuxera unha razón autosuficiente e capaz de interpretar a realidade por si soa, sen contar coa experiencia. Polo outro, o empirismo reducirá o pensamento a algo pasivo e que remataba no escepticismo.

  • O Carácter Analítico da Razón

    Ademais, remárcase o carácter analítico da razón, pois, fronte a unha razón chea de contido que presentaba o racionalismo coa súa teoría das ideas innatas, agora vaise entender como capacidade de analizar a realidade para captar nela as súas regularidades ou leis.

  • A Secularización da Razón

    Por outro lado, prodúcese definitivamente a secularización da razón. Durante todo o pensamento medieval viñérase producindo un conflito permanente nas relacións entre razón e fe, predominando esta última como a instancia desde a que se marcaba o criterio da verdade. Porén, a Ilustración supón poñerlle fin ao teocentrismo, é dicir, á consideración de que Deus é o centro, orixe e principio do mundo. En congruencia co anterior, o deísmo é a concepción relixiosa máis habitual nos ilustrados. O deísmo non aceptaba unha relixión sobrenatural chea de misterios, senón unha relixión sometida ao criterio da razón. Por todo isto, a dúbida, a tolerancia, o escepticismo ou a liberdade relixiosa xa son comúns na Ilustración.

Descargar

PDF Word HTML