Características e Ascenso do Fascismo en Italia

Historia3,96 KB

Características do Fascismo

O fascismo foi creado en 1919 por Mussolini en Italia. É unha ideoloxía totalitaria que aspira a exercer un control absoluto sobre a sociedade e os seus individuos, buscando un novo sistema político e novos valores. Como principais trazos destacan:

  • A primacía dos intereses xerais do Estado fronte aos dereitos dos individuos e grupos. Todo debe estar feito para conseguir a grandeza do Estado, engrandecer a patria.
  • A concentración do poder en mans dun único líder, o único capaz de conducir o pobo para que alcance o destino que a Historia lle ten reservado. Non hai eleccións nin partidos políticos e non hai liberdade de expresión.
  • Encadramento e mobilización das masas nun único partido, estando prohibidos todos os demais.
  • Rexeitamento da igualdade das persoas e os pobos, defendendo a supremacía duns individuos a outros, dos homes sobre as mulleres, dun país sobre outro. Os homes da elite deben tomar as decisións mentres que as masas deben cumprir as ordes que se promulgan.
  • Forte control ideolóxico e policial, empregando a propaganda para a exaltación dos valores fascistas e a violencia para eliminar calquera crítica ou oposición.
  • Intervención do Estado na economía, tratando de aumentar a riqueza e produción propia e conseguir autosuficiencia fronte aos estranxeiros.

O Ascenso de Mussolini ao Poder

As circunstancias nas que viviu Italia tras a Gran Guerra posibilitaron o acceso de Mussolini ao poder:

  • Un contexto de crise: Tras a Gran Guerra orixinouse unha grave crise política e económica que afectou a toda a sociedade.
  • O nacemento do fascismo: A revolución social, a incapacidade dos gobernos liberais, entre outros, foron os motivos os cales deron paso ao fascismo. En 1919, Mussolini creou en Milán os fascios, grupos de combate que se dedicaban a rebentar as folgas e perseguir os líderes políticos. O incremento do seu número deu lugar á formación, en 1921, do Partido Nacional Fascista.
  • Mussolini, xefe do goberno: Contando co agrado dos empresarios, autoridades e terratenentes, en outubro de 1922 organizou a marcha sobre Roma para forzar o establecemento dun goberno dirixido por el. Vítor Manuel III nomeouno xefe do goberno e pouco despois o Parlamento concedeulle plenos poderes.

A Italia Fascista

Mussolini modificou a estrutura política de Italia. O seu goberno caracterizouse por:

  • Imposición dun réxime totalitario fascista. Exerceu a ditadura persoal, suprimindo a oposición, ilegalizando os partidos políticos, establecendo a censura sobre os medios de comunicación e depurando a administración e o exército. O novo Estado recibe o nome de Estado Corporativo porque se organiza a partir das corporacións coas que se pretende lograr a harmonía social e evitar o enfrontamento das clases.
  • Desenvolvemento de accións populistas e de exaltación nacionalista. A construción de numerosas vías públicas, as axudas á produción agrícola e industrial, a prohibición das folgas e a redución do desemprego, aseguráronlle un gran apoio popular e un gran prestixio, servindo de modelo para a creación de movementos semellantes noutros países.
  • Ampliación do imperio colonial, buscando incrementar a grandeza de Italia. Rematou ocupando Libia e Abisinia a pesar das prohibicións da Sociedade de Nacións.
  • Alianza con Hitler: A partir de 1936 apoiaron a Franco na súa loita contra a Segunda República española. En 1939 asinaron o Pacto de Aceiro, un tratado de alianza e apoio mutuo. En 1943 foi encarcerado polas derrotas na guerra, pero foi liberado por paracaidistas alemáns. Organizou unha República social coa axuda dos nazis, pero coa retirada dos alemáns Mussolini intentou fuxir, pero foi detido pola resistencia antifascista e foi executado o 28 de abril de 1945.

Descargar

PDF Word HTML