Axentes Urbanos e o Desenvolvemento das Cidades

Xeografía3,16 KB

As Cidades e os seus Servizos

As cidades son lugares onde se concentra a poboación e as súas actividades. Desempeñan unha serie de funcións básicas e concentran servizos esenciais. Na cidade coinciden os intereses (ás veces enfrontados) de moi diferentes axentes urbanos.

O Papel dos Concellos

A tarefa dos Concellos, a través do urbanismo e dos Plans Urbanísticos, é servir de marco para consensuar eses intereses diverxentes, mediante propostas que pretenden solucionar os problemas actuais da cidade e formular a súa evolución futura.

Principais Axentes Urbanos

Os Propietarios Urbanos de Solo Urbano

Cando os propietarios de solo optan por construír edificios (vivendas, locais de servizos, naves industriais...) convértense, ademais, en promotores inmobiliarios dispostos a vender e alugar o solo e as edificacións. Habitualmente os propietarios do solo e os promotores inmobiliarios son persoas ou empresas moi poderosas e influentes que buscan facer o maior negocio posible a través da compra-venda de terreos e edificios, especulando con eles.

Os Empresarios Industriais e de Servizos

Son outro tipo de axentes destacados na transformación das cidades, dado que buscan a mellor localización para as súas instalacións. Estes axentes urbanos crean postos de traballo e reclaman que a administración lles constrúa infraestruturas (accesos, equipamentos...). Moitas fábricas antigas que estaban no centro das cidades, ao desprazarse aos polígonos industriais das periferias ou simplemente ao finalizar a súa actividade, deixaron grandes espazos no centro urbano que adoitan ser vendidos e utilizados por outros axentes.

Os Cidadáns

Uns axentes urbanos esenciais son os cidadáns, que buscan satisfacer as súas necesidades básicas: vivenda, transporte, educación, sanidade, lecer... Ademais queren maximizar o seu benestar (vivir preto de parques, en lugares ben comunicados, con suficientes equipamentos e servizos...) e minimizar os aspectos negativos que leva consigo vivir na cidade (a contaminación, a aglomeración, as distancias, o conflito entre actividades...).

Os cidadáns poden expresar as súas opinións a título individual, pero poden chegar a ter máis forza cando se organizan en movementos sociais urbanos:

  • Asociacións de veciños que reclaman algún servizo ou equipamento.
  • Grupos de defensa de valores ecolóxicos.
  • Grupos de presión como asociacións de comerciantes, sociedades profesionais, etc.

Os Poderes Públicos

Os Concellos, pero tamén Deputacións e Gobernos autonómicos, son axentes que xogan un papel moi especial no desenvolvemento urbano. Eles representan ao conxunto dos habitantes e os intereses dos diferentes axentes sociais, polo que deben ter un rol arbitral.

A través dos Plans de Urbanismo, os poderes públicos son os encargados de decidir os usos atribuídos a cada unidade do solo e a orientación que se lle da á expansión da cidade. A Administración Pública decide sobre o solo, pero tamén sobre a estrutura e a morfoloxía urbana.

Os poderes públicos teñen capacidade para lexislar e planificar.

Descargar

PDF Word HTML