Aristóteles: Metafísica, Física e as Catro Causas
Glosario de Filosofía Aristotélica
Aristóteles: pensador macedonio do século IV a.C., discípulo de Platón e crítico coa súa Teoría das ideas. Desenvolveu un pensamento realista sobre a physis, a ética e a política. Fundou o Liceo.
Liceo: centro de estudos fundado por Aristóteles en Atenas no 335 a.C. Estaba destinado ao estudo científico de diversas disciplinas, e as clases impartíanse mentres se camiñaba, por iso se coñece como escola peripatética.
Peripatéticos: filósofos do Liceo chamados así porque reflexionaban paseando en círculos.
Obras principais
Física: obra de Aristóteles na que estuda a natureza e o cambio desde un punto de vista realista e científico, que o afasta do seu mestre Platón.
Metafísica: obra de Aristóteles sobre a filosofía primeira. Analiza os aspectos comúns de todo o que existe e os principios metodolóxicos do estudo.
Filosofía primeira
Filosofía primeira: ontoloxía de Aristóteles. Estudo dos primeiros principios da realidade, dos aspectos comúns de todo o que existe e das súas causas. É o tratado do ser.
Conceptos da Metafísica
Substancia primeira (Subs 1ª): na metafísica de Aristóteles, é o ser primordial, o individuo da physis que ten existencia por si mesmo. É a unión substancial de materia e forma.
Accidente: modo de ser non primordial, xa que se refire a cualidades que non existen por si mesmas, senón como parte dunha substancia. Por exemplo, «o can é negro».
Materia: elemento material da substancia que a particulariza como individuo. Está indisolublemente unida á forma.
Forma (Subs 2ª): a especie ou xénero, a esencia ou definición dunha substancia. É o universal da substancia, indisolublemente unido á materia.
Teoría hilemórfica: teoría que describe cada substancia da physis como un conxunto inseparable de materia e forma.
Potencia (dynamis): propiedade da materia, a posibilidade que ten a materia dunha substancia de cambiar e realizar a súa esencia. Explica o cambio dos seres da physis.
Acto: forma dunha substancia, a esencia non variable que define ese ser a través de todos os cambios.
As catro causas
Causa material: elemento material que orixina a aparición dunha substancia. É un dos catro principios metodolóxicos que Aristóteles emprega para explicar a realidade natural.
Causa formal: elemento estrutural ou formal que define unha substancia. É unha das catro causas.
Causa eficiente: axente que orixina unha realidade (natureza). É unha das catro causas.
Causa final: razón ou telos pola que existe unha substancia (natureza). É unha das catro causas.