Antigo Réxime en España: características e consecuencias
Antigo Réxime en España
Período que se iniciou en Europa no século XVI e que acadou a súa plenitude no século XVIII. Caracterizouse por unha economía de base agraria, a permanencia das estruturas feudais, a sociedade estamental e a monarquía absoluta. Estes trazos foron desaparecendo por culpa da Revolución Francesa.
Catastro de Ensenada
Minucioso interrogatorio ou enquisa para coñecer as características demográficas, económicas e xeográficas das poboacións da Coroa de Castela co obxectivo de establecer un sistema fiscal máis racional, e substituír a multiplicidade de rendas por unha única contribución. Foi proposto polo marqués de Ensenada, ministro de Fernando VI, e foi elaborado entre 1750 e 1753.
Decretos de Nova Planta
Conxunto de decretos promulgados por Felipe V, entre 1707 e 1716 que impoñían, nos territorios da Coroa de Aragón, a organización político-administrativa de Castela, eliminando os seus privilexios forais, debido á súa rebelión na Guerra de Sucesión e tomar partido por Carlos de Austria. Permitiron a implantación dun modelo de estado centralista e uniforme en España agás nas Provincias Vascas e Navarra.
Despotismo Ilustrado
Sistema político da segunda metade do século XVIII que defendía o incremento do poder absoluto do rei para que, axudado das luces da razón, impulsase as reformas necesarias para incrementar a riqueza do reino e a felicidade e benestar dos seus súbditos. O seu lema foi “todo para o pobo, pero sen o pobo” e o mellor representante en España foi Carlos III.
Motín de Esquilache
Revolta popular acontecida en 1766 en Madrid provocada polo decreto de Esquilache, ministro de Carlos III, que prohibía o uso de capas longas e sombreiros de aba ancha. A súa orixe está no descontento social pola carestía do pan, a oposición dos privilexiados ás reformas do rei e a xenofobia ante a abundancia de ministros italianos.
Paz de Utrecht
Tratado asinado en 1713 entre as potencias europeas que puxo fin á Guerra de Sucesión española e que foi complementado co de Rastatt de 1714. Co obxectivo de manter o equilibrio europeo, nos tratados se recoñecía a Felipe V de Borbón como rei de España a cambio de concesións a Gran Bretaña, e cesións territoriais a Austria (Flandres e Napolés).
Regalismo Borbónico
Política de control e limitación do poder da Igrexa católica levada a cabo polos Borbóns en España no século XVIII no marco da potenciación do absolutismo real. Entre outras medidas impuxeron o padroado rexio ou dereito do rei de presentar ou nomear candidatos para ocupar sedes eclesiásticas vacantes, e o placet ou dereito do rei de retención das bulas e provisións da Santa Sede.