A Xeración Nós e a Renovación da Literatura Galega

Outras linguas estranxeiras3,07 KB

A renovación literaria da Xeración Nós

A actividade dos homes da Xeración Nós foi decisiva para a consolidación da literatura galega, xa que propiciaron a madureza definitiva do noso teatro e da nosa prosa.

Principais aportacións á prosa

No que respecta á prosa de ficción:

  • Na novela: diversifícase a temática coa novela realista urbana e incorpóranse técnicas narrativas europeas como o monólogo interior ou a ruptura da secuencia temporal.
  • No conto: consolídase o conto literario, caracterizado pola busca da brevidade, a síntese e a orixinalidade.

En canto á prosa ensaística:

  • Adáptase o idioma para a expresión científica moderna.
  • Abránguense todas as áreas do saber.

Vicente Risco, figura central (1884-1963)

Entre os seus principais autores destacan Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Traxectoria persoal e ideolóxica

Risco foi o creador da denominación «Xeración Nós» e autor do ensaio de 1933 Nós, os inadaptados, onde relata as súas teimas intelectuais. Fundou con Otero Pedrayo o Partido Nazonalista Republicán, que despois se integrou no Partido Galeguista. Ao comezar a Guerra Civil, abandonou o galeguismo.

Como ideólogo, atopou no ensaio o mellor vehículo para plasmar o seu didactismo. Na súa traxectoria pódense distinguir tres etapas: unha inicial non galeguista, unha segunda de militancia galeguista e unha terceira na que regresou a posturas alleas ao galeguismo.

Análise da súa obra

No eido do ensaio destacan Teoría do nacionalismo galego (1920) e Mitteleuropa (1935), onde recolle as súas impresións acerca da cultura e da política centroeuropea, especialmente a alemá.

Tamén escribiu unha serie de relatos de base folclórica, como O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán. A súa novela O porco de pé preséntanos unha visión satírica de personaxes representativos da sociedade ourensá da época. Don Celidonio, un comerciante de orixe castelá, representa a vulgaridade e o materialismo da nova burguesía. En fronte del temos o doutor Alveiros, un intelectual espiritualista.

O humorismo satírico revélase nos recursos estilísticos empregados:

  • Imaxes degradantes.
  • Parodias de diversos rexistros lingüísticos.
  • Longas enumeracións.

Características da súa narrativa

Risco anovou os contidos da narrativa galega ao incorporar temas urbanos. Foi un narrador didáctico que pretendeu integrar a cultura galega dentro da europea e criticar a sociedade consumista e burguesa. Ese didactismo explica que as digresións ocupen nas súas narracións moito espazo en detrimento da trama argumental.

Outros trazos do seu estilo son o humor, a claridade, a ironía, a agudeza e a xusteza expresiva.

Descargar

PDF Word HTML