As Vangardas na Literatura Galega do Século XX: Movementos e Manuel Antonio
O tempo das vangardas
Co comezo do século XX, aparecen por toda Europa grupos de artistas mozos (pintores, poetas, etc.) que rexeitan as súas tradicións culturais, por consideralas caducas e incapaces de expresar as novas realidades culturais e científicas. Os cambios sociais favorecen a aparición destes movementos, que pretenden reflectir as formas da vida moderna. Os principais movementos de vangarda son o futurismo, o cubismo, o dadaísmo e o surrealismo, que difundían as súas ideas a través de manifestos de carácter provocador.
Na procura de novos camiños expresivos, as vangardas literarias crearon moitas técnicas novas: a libre asociación de imaxes, as colaxes e caligramas, a supresión dos signos de puntuación, unha nova función das imaxes e metáforas literarias.
Tamén nos anos 20 e 30 do século pasado se produce en Galicia, da man da Xeración de 1922, unha fonda renovación literaria, sobre todo poética. Non obstante, as limitacións sociais en que se producía a cultura galega impediron o desenvolvemento pleno de movementos vangardistas. O manifesto poético Máis Alá!, publicado en 1922 polo poeta Manuel Antonio e o pintor Álvaro Cebreiro, e a proliferación das revistas literarias son as mostras máis significativas do papel das vangardas en Galicia.
A renovación poética en Galicia
En Galicia cristalizou sobre todo en tres movementos:
O Imaxinismo (ou Hilozoísmo)
Ten no poeta Luis Amado Carballo a súa figura principal. Deixou nos dous libros de poemas, Proel (1917) e O Galo (1928), unha poesía na que atopamos unha paisaxe humanizada, con innovadoras imaxes de carácter sensorial, nas que se aprecia a influencia vangardista.
O Neotrobadorismo
Recupera as estruturas formais da lírica medieval e mesmo algúns dos seus temas, pero desde unha sensibilidade contemporánea. É consecuencia do impacto que causou nos poetas novos o coñecemento das cantigas medievais de amigo e de amor.
Os principais poetas desta tendencia foron Fermín Bouza Brey, co seu libro Nao senlleira (1933), e Álvaro Cunqueiro con Cantiga nova que se chama Ribeira (1933).
O Vangardismo
Está representado polos poetas que asumiron propostas [vangardistas]. Álvaro Cunqueiro, con libros como Mar ao norde (1932), unha poesía achegada ao cubismo no seu carácter abstracto, e Poemas do si e non (1933), onde a influencia surrealista se manifesta na expresión do subconsciente e no emprego da imaxe onírica. Salienta tamén Manuel Luis Acuña, co seu libro Fírgoas (1933). O poeta máis destacado é Manuel Antonio, cunha obra moi influída polo creacionismo (un movemento que concibe o poema como unha realidade autónoma).
Manuel Antonio: vida e obra
Naceu en Rianxo, en 1900. Desde moi novo estivo vinculado ao movemento das Irmandades da Fala. Relacionouse cos homes do Grupo Nós, así como con compañeiros da súa xeración: Rafael Dieste, Álvaro Cebreiro, etc.
Comeza cos estudos de náutica en Vigo. Unha vez rematados, realiza diversas navegacións. Enfermo de tuberculose, regresa a Rianxo, onde morreu aos 29 anos de idade (1930).
En vida só publicou un libro, De catro a catro (1928), a súa obra máis importante. É un diario poético dunha viaxe polo mar e, ao tempo, dunha viaxe interior marcada pola soidade e a ausencia. Os outros libros que deixou permaneceron inéditos ata 1972.
A obra de Manuel Antonio caracterízase por empregar unha linguaxe experimental e renovadora, na que elimina a rima, a métrica, a división estrófica e o ritmo. Distribúe de forma novidosa os espazos, altera a tipografía, etc. Trátase dunha poesía conformada por unha sucesión de imaxes novidosas, ausente de todo sentimentalismo.