Tsunamis, erupcións e inundacións: riscos
Que fai temible un tsunami?
- Move un enorme volume de auga. Mentres que as ondas producidas polo vento afectan só á capa superficial, as do tsunami moven a auga desde a superficie ao fondo. A lonxitude da onda do tsunami pode ser mil veces superior, de maneira que a auga de cada onda é incomparablemente maior.
- Propágase con pouca perda de intensidade. Isto fai que os seus efectos alcancen zonas moi distantes. Así, por importante que sexa un terremoto, os seus efectos catastróficos nunca chegarán a lugares situados a 1000 km do epicentro.
- Adoita producirse unha retirada do mar minutos antes da chegada das grandes ondas.
Un sistema de alerta de tsunamis
Cando aos científicos se lles pregunta se se repetirá un tsunami como o de 1775, adoitan responder que a cuestión non é se acontecerá ou non, senón cando vai acontecer. Por iso pediuse un sistema de alerta que permita evitar que o inevitable tsunami se converta nunha catástrofe. Non é posible saber cando se vai producir un sismo con capacidade para desencadear un tsunami, pero desde o momento en que acontece ata que chega á costa disponse de tempo para dar o sinal de alarma. Para iso precísase un sistema de alerta, cunha tecnoloxía da que xa se dispón. Unha vez detectado o tsunami, pódese saber a súa velocidade e calcular cando ha chegar á costa.
Conca hidrográfica
É a área que inclúe todo o territorio que verte as súas augas ao mesmo río. O límite entre dúas concas contiguas vén marcado pola divisoria de augas. Convén ter en conta que unha parte da auga de chuvia evapórase, outra infíltrase no solo e unha terceira parte discorre pola superficie, orixinando escorremento superficial; este causa as inundacións. Calquera circunstancia que dificulte a infiltración suporá un incremento relativo do escorremento superficial e favorecerá a inundación.
Que fai perigosa unha erupción?
Hai dous tipos básicos de actividade volcánica:
- Actividade efusiva: A lava é pouco viscosa e sae do cráter con suavidade. Os gases escapan con facilidade e hai poucas explosións e escasos piroclastos.
- Actividade explosiva: A lava é moi viscosa, solidifica e obstrúe os condutos de saída. Os gases acumúlanse e provocan fortes explosións que proxectan ao aire gran cantidade de piroclastos. É moito máis perigosa que a efusiva.
O perigo volcánico pode deberse a:
- Emisión de gases tóxicos: En Islandia, en 1783, morreron 10.000 persoas por esta causa.
- Formación de nubes ardentes ou fluxo de piroclastos: Na erupción de 1902 en Mont Pelée, o avance de cinzas ardentes en suspensión produciu 28.000 mortes.
- Explosións: que acompañan a erupción, como a acontecida na illa de Krakatoa en 1883, na que faleceron 36.000 persoas.
- Coadas de barro ou lahar: como a do Nevado del Ruiz en 1985, onde morreron 21.000 persoas.
- Coadas de lava: que, a pesar da súa aparencia, xeran poucas vítimas.
Signos precursores dunha erupción:
- Pequenos sismos locais: xerados polo desprazamento do magma na cámara e a apertura de fracturas.
- Cambios na inclinación do terreo: O ascenso do magma provoca o empenamento do edificio volcánico.
- Ascenso da temperatura da auga dos pozos.
- Incremento na emisión de gases.
Inundación
É a ocupación pola auga de zonas que habitualmente están libres dela. Constitúe o risco natural máis importante en España, tanto polo número de vítimas como polo valor dos danos materiais causados.
Tsunami
Desígna un conxunto de ondas de enorme volume orixinadas ao elevarse bruscamente unha gran masa de auga no fondo do mar. A maior parte débense a terremotos con epicentro situado baixo o mar. En ocasións son producidos por explosións volcánicas submarinas, por corrementos masivos de terras ou por impactos de meteoritos.