A Transición Democrática e o Renacemento Cultural Galego (1975-Actualidade)
Os Cambios desde 1975
Coa morte do ditador Franco ábrese un novo período histórico coñecido como "Transición democrática", durante o cal se aproba a Constitución de 1978. O réxime democrático tivo consecuencias como:
- A liberdade de presos políticos da ditadura.
- A legalización de partidos políticos e sindicatos.
- O regreso de exiliados.
- A convocatoria de eleccións para a escolla dos representantes.
Ao tempo, continuou a destrución do rural e o crecemento das cidades, cunha economía orientada aos servizos. Tamén salienta a incorporación das mulleres ao ámbito social e económico.
Novo Marco Político para Galicia
Nos últimos anos da década de 1970, na sociedade galega houbo unha intensa axitación política e cultural que anunciaba importantes cambios. Entre 1978 e 1980, Galicia sitúase nun novo espazo político de liberdades democráticas, á par de vascos e cataláns. O pobo galego aproba en referendo o Estatuto de Autonomía no marco da nova Constitución española, unha das reivindicacións máis unánimes da Transición. Nel defínese Galicia como nacionalidade e a lingua galega como a lingua propia de Galicia, oficial a todos os efectos no territorio galego, xunto co castelán, que é a lingua oficial do Estado. O galego aparece nas aulas, na administración pública...
O Inicio da Normalización do Galego
A aprobación da Lei de normalización lingüística no ano 1983 serviu para oficializar medidas imprescindibles para que o galego deixase de ocupar a segunda posición, xa que era a lingua que falaba a maioría da poboación. Introduciuse a lingua en todos os ámbitos do ensino. Por primeira vez, os cidadáns galegos comezaban a ter escolarización na lingua do país. Todos os ámbitos culturais, como a música, o teatro ou o cine, empezaron a utilizar a lingua galega.
Auxe e Declive Cultural
Creáronse novas editoriais (Xerais, A Nosa Terra) e as xa existentes (Galaxia) aumentaron a súa produción. Apareceron novos autores e medrou o número de lectores. A cultura galega viviu unhas décadas de progresiva normalización do sistema cultural.
Panorámica Xeral da Narrativa Galega
Circunstancias:
- A coincidencia de varias xeracións de narradores: os que xa publicaran na época Nós (Cunqueiro, Blanco Amor), os membros de Nova Narrativa (Méndez Ferrín, Casares) e os que comezan a publicar na década dos 80.
- A incorporación á narrativa de autores que se iniciaran na literatura cultivando un xénero poético: Xosé Ramón Pena, Ramiro Fonte.
- A aparición de novas editoriais (Xerais e A Nosa Terra).
- A proliferación de premios centrados na narrativa, como o Premio da Crítica Galega.
- O incremento das traducións á lingua galega e traducións do galego ao castelán.
- Aumento do número de lectores.
- A creación de novos medios para a crítica, como programas de radio ou blogs.
Periodización da Narrativa Galega
Podemos distinguir tres etapas neste período:
- De 1975 a 1985: Regúlase o uso da lingua galega no ensino. É unha década na que predomina a novela longa.
- De 1985 á fin do século: O relato curto volve gañar forza e amplíase a variedade temática.
- Os comezos do século XXI: A voz feminina chega con forza, con autoras como Teresa Moure e Rosa Aneiros.
Temática na Narrativa Galega
Pódense distinguir catro liñas:
- O experimentalismo narrativo e as ambientacións urbanas en textos de Antón Reixa e Margarida Ledo.
- O realismo, no que se sitúan Xavier Alcalá e Xosé Manuel Martínez Oca, onde destacan os temas da novela histórica.
- O tratamento de elementos fantásticos desde unha perspectiva realista, como en obras de Alfredo Conde.
- A intriga, o misterio, a novela negra, como en obras de Pedro Feijoo.
A Consolidación da Literatura Xuvenil
Un dos fenómenos salientables dos últimos vinte anos é o forte impulso da literatura enfocada á lectura xuvenil e infantil.