Traballo, descanso e ocio: sectores e dereitos
O traballo, o descanso e o tempo de ocio
O traballo defínese como todo tipo de actividade humana, física ou intelectual, que realizan as persoas para obter os medios necesarios para sobrevivir e atender as súas necesidades.
O descanso e o tempo libre
O descanso é o tempo que se emprega para repoñer as forzas que necesitamos para seguir traballando.
O tempo que non se dedica ao traballo nin ao descanso necesario é o tempo de ocio, tamén chamado tempo libre.
Os sectores económicos
Sector primario
Conxunto de actividades relacionadas co aproveitamento directo dos recursos naturais. A agricultura, a gandaría, a pesca e a caza pertencen ao sector primario.
Sector secundario
Actividades que transforman as materias primas, polo que se identifica coa industria e a construción.
Sector terciario ou de servizos
Comprende as múltiples variantes dos servizos: comercio, transportes, sanidade, educación...
O Estado de benestar e a economía somerxida
O Estado de benestar
Os traballadores loitan para conseguir dereitos sociais, laborais e políticos. Desenvólvense leis que obrigan ao goberno a asumir a tarefa de mellorar as condicións dos cidadáns e proporcionarlles a asistencia social básica.
A economía somerxida
É a actividade económica que escapa ao control público e mantén os traballadores como ilegais, sometidos á única decisión do empresario. Esta situación afecta especialmente a traballadores de baixa cualificación laboral, estranxeiros en situación irregular no país e mozos que buscan o seu primeiro emprego. O traballo desta poboación contribúe á creación de riqueza e ao aumento do PIB, pero tamén á fraude fiscal.
Logros dos sindicatos
- Recoñecemento legal do dereito dos traballadores/as a asociarse.
- Limitación da xornada laboral.
- Establecemento dun salario mínimo.
- Regulamentación da idade máxima e mínima legal para traballar.
- Dereito á xubilación ao cumprir a idade regulamentaria e as condicións esixidas pola lexislación, cunha pensión garantida ata o seu falecemento.
- Dereito a un día de descanso semanal e varios de vacacións anuais.
- Recoñecemento do dereito á folga e á negociación colectiva.
- Cobertura social ao desemprego e asistencia a colectivos desfavorecidos.