Texto e espectáculo: dramaturxia e escenificación

Francés3,93 KB

Texto e espectáculo

Dramaturxia: arte da composición de obras dramáticas; traballo de análise e interpretación dos materiais dramáticos cos que opera a escenificación.

Escenificación: arte da composición escénica de espectáculos teatrais a partir de elementos expresivos de toda mena; autoría teatral autónoma, capacitada para crear, se convén, desligada da histórica submisión á obra dramática escrita.

Texto literario e texto espectacular

Texto teatral: escrito que contén as enunciacións verbais concretas que configuran os enunciados dunha ficción dramática e un conxunto de datos escénicos sobre a contextualización espacial, temporal, visual e rítmica (acotacións, didascalias e díctics). O proceso teatral inicia xeralmente cunha obra escrita, o texto teatral, e nel pódense distinguir, como aspectos:

  • un texto literario, destinado á lectura como modo de recepción;
  • un texto espectacular, que propón unha posta en escena.

Cómpre advertir que:

  • TODO o texto teatral se le e TODO o texto teatral se representa.
  • Non podemos identificar o texto literario co diálogo e o texto espectacular coas acotacións.
  • TODO o texto se pode ler.

A diferenza entre un e outro dáse no escenario:

  • o texto literario continúa sendo palabra na representación;
  • o texto espectacular non pasa a palabra na representación, senón que se pon en escena por medio de signos non verbais e crea o contexto situacional no que se revive o diálogo.

Estatutos enunciativos particulares: as acotacións e as didascalias

O material lingüístico que conforma un texto teatral preséntase normalmente baixo dúas formas canónicas:

  1. Parlamento: parte do texto que corresponde á transcrición das diversas formas que pode adoptar a palabra (diálogo, monólogo) que din as persoas dramáticas, o narrador, a voz en off…
  2. Acotación: parte do texto que non constitúe parlamento e que transmite información sobre aspectos da ficción e do discurso teatral que non teñen presenza nos parlamentos.

Didascalias e acotacións son un punto de intersección entre o texto escrito e o representado: atópanse literalmente no primeiro pero orientan, a modo de escritura que pide ser actualizada, cara ao segundo. A diferenza das acotacións, as didascalias teñen un carácter implícito e identifícanse coas informacións e precisións de carácter situacional que cómpre deducir da palabra dialogada.

Os contidos destes paratextos indican:

  • como se deben actualizar na escena as accións verbais das personaxes;
  • a situación espacial e temporal da ficción;
  • o inicio e o final dos bloques que determinan as diversas situacións;
  • as incidencias, escénicas e extraescénicas, ligadas ao espectáculo ou á acción.

Tres grandes procedementos didascálicos na escritura teatral

  1. A acotación que trata explicitamente o espazo do drama na perspectiva do espazo escénico convencional onde está destinada a representarse.
  2. A acotación que considera todos os elementos da performatividade do drama exclusivamente como o universo do presente escénico da ficción.
  3. Hai textos dramáticos que non usan a acotación para dar as indicacións performativas da situación da personaxe e ceden ao discurso mesmo a función de definir o contexto.

Descargar

PDF Word HTML