Teorías Contractualistas: Fundamentos da Filosofía Política

Filosofía e ética2,91 KB

O contractualismo é a concepción dominante da teoría política moderna e contemporánea. A proclamación da liberdade e da igualdade natural de todos os individuos deixa sen base a forma de lexitimación tradicional. A idea dunha sociedade composta por individuos libres, iguais e autónomos abre dúas opcións: a anarquía ou a constitución dun poder pactado entre todos.

Conceptos Clave do Contractualismo

De aí que as novas teorías da lexitimidade se elaboren a partir das formulacións do “Estado da natureza” (hipótese de como sería unha sociedade sen poder político) e o “Contrato social” (construción hipotética, xa que todos nacemos nunha sociedade politicamente constituída).

Principais Autores Contractualistas dos Séculos XVII e XVIII

Thomas Hobbes: O Leviatán e o Poder Absoluto

Thomas Hobbes define o estado da natureza como unha situación de guerra de todos contra todos. Os individuos gozarían de liberdade ilimitada, pero en ausencia de lei, moveríanse por egoísmo en busca do seu propio beneficio. Ao ser iguais, xerarían competencias violentas, resultando imposible o progreso material e espiritual. Esta anarquía faría que os individuos renunciasen á súa liberdade e lla entregasen ao Estado. O Estado, para Hobbes, deberá ter poder absoluto, a fin de que ningún individuo se retracte e queira recuperar a liberdade natural inicial.

John Locke: Dereitos Naturais e División de Poderes

John Locke define o estado da natureza como unha situación na que os individuos son libres e iguais (como Hobbes), pero afirma que están dotados duns dereitos naturais como o dereito á vida, á liberdade, ao traballo, e o dereito do individuo a protexelos e defendelos.

O Estado é a opción máis racional para defender estes dereitos. Locke concibe o poder estatal supremo como unha representación do pobo. Para evitar que o Estado se extralimite, Locke propón unha división de poderes: executivo, lexislativo e xudicial.

Jean-Jacques Rousseau: A Vontade Xeral e a Soberanía Popular

Jean-Jacques Rousseau, igual que Hobbes e Locke, comparte que os homes son libres e iguais. Porén, afirma que neste estado serían felices e inocentes. Pero os homes abandonaron o estado natural, cheo de dificultades e carencias materiais. O resultado foi a invención da propriedade privada, que desenvolveu a cobiza e as desigualdades. A volta á felicidade pasaría por un contrato social no que os homes renunciarían aos seus intereses egoístas e privados e se guiarían polo “interese xeral”.

Rousseau xustifica o Estado como a opción máis razoable, pero un Estado popular democrático, no que a soberanía reside no pobo.

Descargar

PDF Word HTML