O Teatro Galego no Primeiro Terzo do Século XX: Etapas e Autores
O Teatro no Primeiro Terzo do Século XX
O teatro nesta época pode dividirse en catro etapas: a do teatro rexional, a das Irmandades da Fala, a vangardista e o da época Nós.
Teatro Rexional
O teatro rexional estaba representado polos precedentes das Irmandades da Fala, que crearon a Escola Rexional de Declamación para formar autores e favorecer a produción dos dramaturgos. Das obras representadas destaca A ponte, de Manuel Lugrís Freire. As representacións facíanse entre dúas actuacións musicais, eran breves e sen complicacións escenográficas. Os tipos de obras eran costumistas, nas que destaca Avelino Rodríguez Elías, entre outros, e de temas sociais, entre os que podemos destacar a Xesús San Luís Romero.
Teatro das Irmandades da Fala
Na época das Irmandades, existen problemas que impiden o desenvolvemento da dramática, como son, por exemplo, a carencia de grupos profesionais ou a competencia co cine. Para intentar solucionar isto, creouse o Conservatorio Nazonal do Arte Galego. O teatro das Irmandades dividiuse en 3 correntes:
- A conservadora, que segue o modelo costumista, social e histórico. Destacan Xesús San Luís Romero, cuxa obra máis exitosa foi O Fidalgo, na que mostra a súa preocupación polo mal social, e Xavier Prado Lameiro, con obras recollidas en volumes como Monifates, de carácter burlesco e humorista.
- Na corrente renovadora destacan Ramón Cabanillas, con obras coma A man da Santiña e O Mariscal, e tamén Antón Villar Ponte, con obras coma Almas mortas. Estes dous autores apostaban por un teatro máis moderno e culto.
- Por último, na etapa intermedia, incluímos a Armando Cotarelo Valledor, que clasificou as súas obras en ámbitos, unha delas é Beiramar, e a Leandro Carré Alvarellos, que ademais de dramaturgo, destacou como narrador, ensaísta, lingüista e director da editorial Lar. Entre as súas pezas destacan Tolerías e Para vivir ben de casados.
Teatro Vangardista
O teatro vangardista viuse obrigado a convivir cos problemas que este xénero xa sufrira. O principal autor deste teatro foi Rafael Dieste, que evitou nas súas obras o tradicionalismo e o costumismo. Introduciu tamén as vangardas na súa estética e nas súas producións. A súa creación de maior relevancia foi A fiestra valdeira.
Teatro do Grupo Nós
Os autores do teatro do Grupo Nós, tentaron dotalo de madurez e universidade, e tamén tentaron a estilización de todos os elementos escénicos. Vicente Risco é un dos autores destacados, cuxa única obra teatral é O bufón d´El Rei, onde mestura lenda e traxedia e presenta unha reflexión sobre a conduta humana. Tamén debemos sinalar a Ramón Otero Pedrayo, cuxas obras destacadas son A lagarada, na que reflicte o pequeno mundo da sociedade rural galega da época de forma crítica, e O teatro das máscaras, seguindo unha tendencia simbolista e o aproveitamento do folclore.