O Teatro Galego na Posguerra e a Renovación dos Anos 70
O Teatro Galego da Posguerra
A Guerra Civil paralizou a produción teatral en Galicia, e non é até os anos 50 cando se retoma a creación de textos dramáticos, máis pensados para a súa lectura que para a súa representación. Este grupo de autores presenta as seguintes características:
- Creación pausada da peza teatral.
- Presentación de conflitos, situacións e personaxes universais.
- Compromiso co home da posguerra.
- Creación íntima.
Autores Destacados da Posguerra
Álvaro Cunqueiro é un dos autores pertencentes a este grupo. O seu teatro caracterízase polo clasicismo, con obras como O incerto señor D. Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959). En todas elas destaca a presenza de textos moi literaturizados, mostra da súa intención máis prosística que representativa.
Outro autor destacado deste grupo é Ricardo Carballo Calero, cuxa obra destaca pola gran riqueza de estrutura e variedade de conflitos humanos que presenta nos seus textos. Na obra Farsa das zocas (1963), recrea temas populares da tradición galega, mentres que noutras obras como Auto do prisioneiro (1970), toma influencias do teatro europeo da época.
Por último, destaca tamén a figura de Jenaro Marinhas del Valle, autor cunha intención de renovación cuxa obra toma dúas direccións:
- Unha de inspiración esperpéntica.
- Outra de reflexión social e filosófica.
A Xeración dos 50
Posteriormente, a obra destes autores servirá de influencia para os autores da chamada Xeración dos 50, cuxa obra presenta os seguintes trazos comúns:
- Cultivo doutros xéneros literarios.
- Preocupación sociopolítica.
- O texto dramático convértese en obxecto de loita.
- Temas moi heteroxéneos.
Figuras Relevantes da Xeración dos 50
Daniel Cortezón é un dos autores destacados desta xeración. Na súa obra, moi comprometida coa conservación da memoria histórica, propón unha revisión da nosa historia dende o prisma do nacionalismo.
Destaca tamén a figura de Manuel María, autor de pezas teatrais para rapaces, como é o caso de Barriga Verde (1968), ou outras de carácter reivindicativo como Farsa de Bululú.
A Renovación Teatral dos Anos 70
Mais é arredor dos anos 70 cando se produce a aparición de grupos de teatro independentes que dinamizan e reforman o teatro galego. Foi de gran importancia a Organización Cultural Abrente, que deu lugar ás Mostras de Teatro de Ribadavia, que se prolongaron até os anos 80.
Autores Clave da Renovación
Son autores destacados desta época:
- Manuel Lourenzo: importante actor, director e autor teatral que presenta na súa extensa obra unha gran adaptabilidade ás correntes escénicas máis contemporáneas. Gañou o Premio Abrente coa obra Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha foca.
- Euloxio R. Ruibal: autor de teatro experimental que comezou escribindo obras influídas pola técnica cinematográfica e comprometidas coa realidade social e política do país, entre as que destaca Zardigot.
- Roberto Vidal Bolaño: actor, autor e director, cuxo teatro seguiu dous camiños diferentes:
- Por un lado, textos simbólicos con raíces populares.
- Por outro, textos máis complexos cunha visión pesimista da vida.