Teatro Galego: Historia, Tendencias e Autores Destacados
O Teatro Galego: Unha Breve Historia
O teatro precisa para o seu desenvolvemento dunhas estruturas económicas e institucionais moi completas e custosas, e dun público asiduo e formado, polo que só con estas condicións (estabilidade social, política e económica) podemos falar dun teatro desenvolvido con normalidade. Desta época só cabe mencionar os débiles intentos de crear as condicións materiais necesarias para o desenvolvemento do teatro galego. Escribíronse unha lista de obras, redactadas por escritores dedicados a outros xéneros, que non estaban destinadas a ser representadas.
Tendencias Teatrais nas Irmandades da Fala
As tendencias teatrais da etapa das Irmandades da Fala son:
- Teatro costumista-ruralista (maioritario)
- Teatro de tese e propagandístico: pretenden educar ás masas, espallar as súas ideas nacionalistas e posibilitar a normalización lingüística.
- Teatro renovador: concilia o popular e galego coas técnicas de vangarda
Primeiros Intento de Profesionalización
En 1903 inaugúrase na Coruña a Escola Rexional de Declamación, cuxo obxectivo era consolidar un grupo de teatro estable que garantise a representación de pezas en galego. O autor máis destacado nesta tentativa foi Manuel Lugrís Freire, con obras como A ponte (primeiro drama galego en prosa). O seguinte intento serio de crear unha dramaturxia galega corresponde á fundación do Conservatorio Nazonal de Arte Galega. Inaugurouse en 1919 coa estrea da comedia amorosa A man da Santiña de Ramón Cabanillas, quen máis adiante redactaría O Mariscal, obra que glosa a figura do Mariscal Pardo de Cela.
O Conservatorio Nazonal de Arte Galega e a Escola Dramática Galega
Este conservatorio tenta formar actores en galego, renovar os temas e estéticas teatrais fuxindo do ruralismo, utilizar o teatro para espallar o nacionalismo e loitar contra o caciquismo. En 1922 fúndase a Escola Dramática Galega, dirixida por Leandro Carré Alvarellos, unha das figuras máis salientables do teatro da época, pois dedicouse á preparación de actores, dirección da escenografía e dirección e edición de traballos de Cabanillas ou Cotarelo Valledor. O autor máis coñecido destes anos é Xavier Prado “Lameiro”, que nos deixou catorce obras, principalmente cadros costumistas non exentos de sátira social. Armando Cotarelo Valledor destaca pola cantidade e calidade da súa produción. Autor realista, preocúpase pola psicoloxía dos personaxes e do ambiente, con obras como Trebón (drama rural en prosa), Hostia (traxedia histórica) e Mourenza (drama mariñeiro).
A Xeración Nós e o Teatro
Os escritores da Xeración Nós participaron esporadicamente no xénero teatral: Vicente Risco publica O bufón d’El Rei, drama simbolista desenvolvido na época medieval (toca a materia de Bretaña) que supón unha reflexión sobre a maldade e o destino; Ramón Otero Pedrayo escribiu A lagarada, obra na que trata os amores entre un labrego vello e rico e unha moza criada da casa, na que á par das escenas realistas xorde o mundo das cousas (o lagar, os elementos da natureza). A obra máis importante escríbea Rafael Dieste: A fiestra baldeira. Chea de elementos vangardistas, a peza expón o conflito dun indiano que volve rico da migración e que debe enfrontarse á vergoña que senten a súa muller e a súa filla pola súa orixe.