A Sociolingüística Galega: Franquismo e Recuperación da Lingua

Lingua e literatura2,87 KB

A Sociolingüística Galega: Franquismo e Resistencia

A ditadura franquista exerceu unha durísima represión contra a lingua e contra os intelectuais galeguistas, derrubando os logros da etapa anterior e creando de novo unha situación de diglosia extrema. O castelán volveu ser a única lingua valorada socialmente e usada nos ámbitos formais; o galego, aínda que seguía a ser a lingua máis falada, quedou completamente desprestixiado e reducido ao uso familiar e informal. Diversos decretos prohibiron o uso do galego e calquera defensa do mesmo converteuse nun acto perigoso.

Ata os anos 50: Represión total

Durante este período, non existiu ningunha actividade cultural en galego, agás no exilio.

Década dos 50: Inicio da recuperación cultural

Na década dos 50 iníciase unha apertura forzada da ditadura que permite certa actividade cultural e editorial na nosa lingua. O máis destacable foi a creación da editorial Galaxia (1950) por un grupo de intelectuais galeguistas que pretendían recuperar o prestixio e as funcións do galego como lingua da literatura e da cultura.

Anos 60 e 70: Reavivamento cultural e social

Nos anos 60 e 70 comeza un certo aperturismo do réxime que permite reavivar a vida cultural en galego. Destacan os seguintes fitos:

  • Xurdiron partidos políticos nacionalistas clandestinos e asociacións culturais (como O Galo e O Facho) que promoveron o uso do galego.
  • A RAG instaurou o Día das Letras Galegas en 1963.
  • En 1965 creouse a cátedra de Lingua e Literatura Galega na Universidade e ofreceuse como materia optativa na carreira de Filosofía e Letras; diversos colectivos de estudantes converteron o galego na súa lingua habitual e promoveron actividades culturais na nosa lingua.
  • En 1968 creouse o centro de investigación Instituto da Lingua Galega.
  • Xurdiu o movemento da Nova Canción Galega, impulsada polos cantautores de Voces Ceibes.
  • Triunfou a poesía de compromiso social (con figuras como Celso Emilio Ferreiro) e fíxose unha posta ao día da narrativa (con autores como Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor e a Nova Narrativa Galega).

O desafío da castelanización masiva

Malia este avance nos usos do galego, nestas décadas produciuse unha castelanización masiva da sociedade, na que influíron decisivamente tres factores:

  1. O éxodo da poboación agraria cara ás cidades, xa castelanizadas.
  2. O aumento da escolarización (só en castelán).
  3. A popularización dos medios de comunicación de masas, tamén só en castelán (prensa, radio e a televisión).

Descargar

PDF Word HTML