A Síntese entre Racionalismo e Empirismo en Kant

Filosofía e ética2,45 KB

A Síntese entre Racionalismo e Empirismo en Kant

(Texto 2) Kant trata de dar resposta á pregunta: “¿Que podo saber?”, é dicir, pregúntase polos límites e as posibilidades do noso coñecemento. Tratará de dar resposta a se a metafísica pode converterse nunha ciencia e, sobre a Física e as Matemáticas, xa constituídas como ciencias, preguntarase como son posibles. Kant refírese á metafísica como un coñecemento que non toma os seus principios da experiencia, senón que vai máis alá, un coñecemento a priori, que versa sobre obxectos non empíricos e está construído por unha razón non empírica. As dúas posturas acerca da súa posibilidade eran as seguintes:


Dogmatismo Racionalista (Wolff): baseaba a súa teoría nas ideas innatas, coas que tiña que saír da propia razón e recorrer a Deus como garantía de que as ideas se correspondían coa realidade. Kant culpa ó dogmatismo da ausencia dunha crítica previa. Os excesos do dogmatismo conduciron á reacción contraria: o escepticismo.


Escepticismo (Hume): Kant acepta, con Hume, que o home só pode coñecer aquilo que lle chega por medio da experiencia, os fenómenos. Pero non acepta o seu escepticismo metafísico por ser demasiado curto no seu exame crítico da metafísica e por ir demasiado lonxe ao considerar a conexión causa-efecto como un simple hábito psicolóxico, convertendo, polo tanto, as leis da física en leis probables.


Kant vai buscar unha vía intermedia: o método crítico. A crítica é unha ciencia que versa acerca da posibilidade de toda ciencia en xeral e da Metafísica en particular. Para que esta poida converterse nunha ciencia, debe cumprir as mesmas condicións que as Matemáticas e a Física. Segundo Kant, para que un xuízo poida ser considerado como “científico”, debe cumprir, polo menos, dúas condicións: que aumente os nosos coñecementos, polo que ha de ser sintético, é dicir, que o predicado non estea xa incluído no suxeito; e que posúa validez necesaria e universal, que non poida ser doutra maneira e que teña valor sempre. Non podo proceder logo da experiencia, poñéndose en liña cos racionalistas, que só pode dar lugar a xeneralizacións probables, polo que a universalidade e carácter dun xuízo só pode establecerse a priori.

Descargar

PDF Word HTML