Rosalía de Castro: Vida, Obra e Análise Literaria

Lingua e literatura5,86 KB

Rosalía de Castro: Vida e Obra

Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela en 1837 e finou en Padrón en 1885. En 1856 foi a Madrid, onde coñeceu ao seu futuro marido, o escritor Manuel Murguía, con quen casou en 1858. En 1862 publicou A mi madre e en 1871 regresou a Galicia.

Obra

Cultivou a poesía, a narrativa, o ensaio, os cadros de costumes e os artigos xornalísticos. Escribiu tanto en galego como en castelán. Na prosa, empregou o galego agás no Conto Gallego e nos prólogos de Cantares Gallegos e Follas Novas. Na poesía, empregou o galego e o castelán. Na primeira etapa, ata Cantares Gallegos (1863), case toda a súa obra era en castelán. Na segunda etapa, que corresponde a Cantares Gallegos e Follas Novas (1880), utiliza o galego. Na terceira etapa, publica en castelán En las Orillas del Sar. Das súas novelas destaca El caballero de las Botas Azules (1867).

Significado de Cantares Gallegos

A publicación de Cantares Gallegos o 17 de maio de 1863 marca o inicio do Rexurdimento da literatura galega, xa que ata entón o galego tiña unha escasa presenza na literatura. Ata aquel momento, a obra máis sobresaínte da literatura galega moderna era A gaita Gallega (1853) de Xoán Manuel Pintos. Cantares Gallegos é un libro de inspiración popular, tanto pola capacidade de Rosalía para captar as actitudes e as vivencias do pobo como pola lingua e a forma de expresión utilizadas.

A súa importancia radica en que:

  • É o primeiro libro de valor poético incuestionable escrito en galego moderno.
  • É un alegato en contra daqueles que sen razón nin coñecemento desprezaban Galicia.
  • Denuncia a marxinación da que eran obxecto os seus habitantes, en particular labregos, mulleres e emigrantes.
  • Reivindica a validez e a capacidade do galego como lingua para escribir todo tipo de poesía.
  • Culmina o labor dos precursores, abandonando os motivos románticos e dando paso a unha literatura realista.
  • Convértese en modelo dunha serie de obras que se publicarían imitando o seu contido e forma.

Estrutura e temas de Cantares Gallegos

Rosalía compuxo Cantares Gallegos como imitación do Libro de los Cantares (1852) de Antonio Trueba, tomando a idea de glosar cantares ou ditos populares. O dito pode ir ao comezo, no medio ou ao final do poema. Os 36 poemas estrutúranse de xeito circular e pechado, a partir dun poema inicial no que a moza é invitada a cantar e outro final no que a moza se despide e pide perdón. Entre ambos os dous hai 34 poemas con voces distintas e temas variados, case sempre de extracción social, popular e labrega, que compoñen un retablo da sociedade galega da época.

  • Costumistas: os máis numerosos, describen aspectos da vida galega da época. Exemplo: "San Antonio Bendito".
  • Amorosos: expoñen coitas sentimentais por medio de monólogos ou diálogos. Exemplo: "Cantan os galos pró día".
  • Intimistas: expresan vivencias e sentimentos persoais, soidade, melancolía... Exemplo: "Como chove miudiño".
  • Sociais e patrióticos: denuncian as inxustizas sociais nun ton de sarcasmo, ironía e dor en problemas como a emigración. Exemplo: "A gaita gallega".

Significado de Follas Novas

A maioría das composicións de Follas Novas xa foran escritas antes de 1880. O título responde á certeza de que Rosalía creaba un universo poético novo. Este libro sitúa a Rosalía na corrente renovadora da lírica galega e hispana da segunda metade do século XIX, tanto pola métrica como polos temas e a expresión superadora do romanticismo, que abre o camiño da poesía de Juan Ramón Jiménez. Os poemas son máis breves, dispostos en combinacións métricas pouco ríxidas que crean un ritmo entrecortado, abrupto e disonante, co que a poeta axústase aos sentimentos que expresan angustia. A innovación temática de Follas Novas demostra a capacidade do galego para expresar temas, sentimentos e inquietudes existenciais.

Estrutura e temas de Follas Novas

Follas Novas ten un prólogo en prosa e 137 poemas clasificados en cinco apartados:

  • Vaguedás: reflexións sobre a escrita feminina, as súas vivencias e o seu estado de ánimo.
  • Do Intimo: reflexións sobre a insolidariedade humana, o paso do tempo, a perda da ilusión, o amor e o desamor.
  • Varia: poemas de índole subxectiva e de carácter obxectivo, a complexidade da vida humana, a emigración...
  • Da Terra: recupera o costumismo, pero desde unha óptica menos amable, como a explotación da muller.
  • As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos: a emigración e as vítimas principais do éxodo forzoso dos homes.

A lingua

Rosalía escribe nun galego espontáneo e coloquial, con sintaxe sinxela e léxico pouco rebuscado. Son frecuentes os castelanismos, vulgarismos, pseudogaleguismos, solucións morfolóxicas diverxentes e alternancias léxicas. Emprega o seseo para dar emotividade.

Métrica e recursos

En Cantares Gallegos predomina a arte menor e o ritmo de muiñeira, con catro acentos fixos. O romance é o máis frecuente. De orixe culta, aparecen a décima, a oitava real (8 versos hendecasílabos), a sextina (6 versos hendecasílabos), a quintilla (versos octosílabos), a cuarteta asonante (abab) e a redondilla (abba). En Follas Novas, ademais do ritmo de muiñeira, destaca o romance octosílabo.

Entre os recursos estilísticos, destacan a anáfora (repetición da mesma palabra ao principio de varios versos) e a epanadiplose (repetición da mesma palabra ao principio e ao final dun verso).

Descargar

PDF Word HTML