Rosalía de Castro: Biografía, Obra e o Inicio do Rexurdimento Galego

Outras linguas estranxeiras4 KB

Rosalía de Castro: Biografía

Naceu en Compostela o 24 de febreiro de 1837. Filla de *«pais incógnitos»* (a súa nai, Teresa de Castro e Abadía, era unha fidalga de minguada fortuna. Non está comprobado que fose seu pai o sacerdote Xosé Martínez Viojo, capelán da colexiata de Iria Flavia), foi bautizada co nome de María Rosalía Rita.

Formación e mocidade en Santiago

De Padrón, onde viviu, Rosalía de Castro pasou a Santiago arredor de 1850. Alí levou a cabo a súa formación cultural e intelectual, nun nivel moi superior ao que era acostumado nas mozas do seu tempo. Estudou:

  • Francés, debuxo e música na *«Sociedade Económica de Amigos do País»*.

Tamén acudiu en Compostela ao *«Liceo de la Juventud»*, participou nas súas actividades e, entre encontros líricos e representacións teatrais (nas que mesmo estreou como actriz), debeu de coñecer a Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre.

Vida en Madrid e matrimonio

En 1856 residiu en Madrid, onde publicou o seu primeiro libro de versos, *La flor* (1857), e casou con Manuel Murguía o ano seguinte.

Vida itinerante e penurias

Este período vén marcado por unha vida itinerante, seguindo os diferentes destinos do seu home, por Estremadura, Andalucía, Levante e Galicia, ou sufrindo as súas ausencias e a morte dos seus **sete fillos**, chea de penurias económicas e con problemas de saúde.

Nesta época dátase o libro *Cantares Gallegos* e a maior parte das obras en castelán, nas que Rosalía non desaproveita a ocasión para pronunciarse con voz crítica sobre as convencións sociais e a postergación da muller.

Regreso definitivo e pasamento

Pouco antes de regresar definitivamente a Galicia, escribiu en Simancas, onde Manuel Murguía fora nomeado director do Arquivo, case a totalidade de *Follas Novas*.

De volta a Galicia en 1870, Rosalía afincarase na casa padronesa da Matanza e escribirá *En las orillas del Sar*, xa enferma de cancro de útero. Morreu o 15 de xullo de 1885 aos 48 anos de idade. Os seus restos repousan no **Panteón de Galegos Ilustres** na igrexa de San Domingos de Bonaval de Santiago.

Cantares Gallegos (1863)

O 17 de maio de 1863 asina Rosalía o seu primeiro libro de poesía galega. A data de publicación habería de se converter en fundacional da cultura galega ao tempo que marca, polo seu compromiso ideolóxico, o **inicio do Rexurdimento**.

Inspiración e estrutura

No prólogo que precede os poemas, a autora confesa terse inspirado no *Libro de los cantares* de Antonio de Trueba. Seguindo o seu exemplo, Rosalía vai facendo glosas de cantares, refráns ou ditos populares. O número de cantares variou nas edicións:

  • 32 cantares (primeira edición).
  • 36 cantares (edición de 1872, na que interveu Murguía).
  • 38 cantares (edición de 1909).

A súa procura era *«reproducir o verdadeiro espírito do noso pobo»*.

Compromiso e identidade

*Cantares Gallegos* vai máis alá da vella reivindicación romántica de revalorizar a cultura popular. Rosalía, que viviu a marxinación pola súa tripla condición de **muller, galega e escritora**, revela nesta obra un compromiso con Galicia e o seu idioma. Converterase nunha obra clave para:

  1. O reencontro da identidade galega.
  2. A demostración do idioma galego como lingua literaria.

Se a intención, como declara a autora no prólogo do libro, é cantar a fermosura da terra galega e demostrar a dignidade do pobo ao tempo que desmentir as ofensas, evidenciar as inxustizas e elevar á categoría artística o idioma, estamos ante un libro de marcada **afirmación política**.

O propósito vai máis alá de pintar escenarios, costumes e tipos populares. Estas glosas de cantares en lingua galega son un modo de representar de maneira auténtica a identidade dun país, nos seus aspectos positivos, ao tempo que un modo de rexeitar a visión discriminadora que de Galicia tiñan os centralistas.

Descargar

PDF Word HTML