Rosalía de Castro: Análise de Follas Novas e Conto Galego
A Obra de Rosalía de Castro: Follas Novas e Conto Galego
Follas Novas: A Lírica Solidaria e Obxectiva
Neste apartado de Follas Novas inclúense os libros Da Terra e As Viúvas dos Vivos e as Viúvas dos Mortos.
Da Terra: Identificación co Pobo Galego
- Consta de 9 poemas.
- Rosalía mostra a súa identificación co pobo galego: cos seus valores, cos costumes, coa idiosincrasia, coa cultura e co idioma.
- Algúns poemas lembran a poesía de Cantares, con personaxes e escenas populares como:
- “Miña casiña, meu lar”
- “A probiña que está xorda”
- Inclúe unha denuncia sobre a discriminación da muller en poemas como “Xan”.
As Viúvas dos Vivos e as Viúvas dos Mortos: O Drama da Emigración
- Composto por 31 poemas.
- Rosalía céntrase no fenómeno da emigración e as súas causas:
- Excesivos impostos
- Atraso económico
- Abusos dos poderosos
- Fames
- Expresa admiración e solidariedade coas mulleres campesiñas galegas do seu tempo, condenadas a vivir en soidade, criando soas os fillos, con dupla xornada laboral (traballo e casa), e enfrontando soas adversidades de todo tipo.
Varia: A Ponte entre o Individual e o Colectivo
Entre estes dous apartados, a modo de ponte entre o “eu” e o “nós”, atopamos o terceiro libro, titulado Varia. Nesta obra, a autora expón en 40 poemas a realidade múltiple e complexa que rodea o “eu” que fala nos apartados anteriores. Destacan nesta realidade o sufrimento da xente, en especial o das mulleres, e problemas sociais como a miseria e a emigración.
A obra Follas Novas expresa, polo tanto, unha viaxe do “eu” ao “nós”, do individual ao colectivo, do intimismo subxectivo ao obxectivo e á identificación co pobo.
Recepción e Legado de Follas Novas
Follas Novas demostrou á sociedade da época a capacidade do galego para abordar calquera tema, sentimento ou inquedanza existencial. A súa acollida, curiosamente, foi menos entusiasta que a de Cantares e, mesmo, hostil; pois a súa autora demostraba a autonomía da literatura galega para abordar con éxito determinadas temáticas que, nos últimos séculos, foran patrimonio exclusivo da literatura castelá.
Nota: Fragmento da obra Emigrantes de V. Álvarez Sala.
Conto Galego (1864): Un Alegato Feminista de Rosalía
Publicado na prensa coa sinatura RC, este conto permaneceu no esquecemento ata 1923, ano en que foi rescatado por Manuel Castro López, quen o deu a coñecer na revista Almanaque Galego de Bos Aires.
Ambientado na aldea, ten un argumento sinxelo: dous amigos apostan sobre se un deles será quen de conquistar o amor dunha muller viúva no mesmo día do enterro do marido. Efectivamente, a muller –aparentemente pola súa “debilidade feminina”– cede ás pretensións do conquistador, que gaña a aposta.
Mais Rosalía, a través desa situación anecdótica, preséntanos a verdadeira motivación da muller para ceder ante a frívola conquista: a indefensión económica e legal que significaba ficar soa. O conto vira así nun alegato de tinte feminista e de denuncia social.