O Rexurdimento Galego: Contexto, Galeguismo e Obxectivos

Lingua e literatura4,54 KB

O Rexurdimento Galego

Contexto: Galicia no século XIX era unha sociedade principalmente rural. Os principais sectores económicos eran a agricultura e a pesca, mentres que a industria tiña un papel moi pouco relevante. Mantíñase o sistema foral, o que significaba que as terras non pertencían aos labregos que as traballaban, senón ás clases altas: o clero, a fidalguía... Os labregos pagaban un imposto (o foro) por traballar as terras e as clases altas vivían de rendas. A pobreza na que vivía o campesiñado fixo que buscasen unha saída para subsistir: a emigración. Así, ao longo do século XIX moitos galegos marcharon a países coma Arxentina, Cuba, Brasil... Houbo algúns que fixeron fortuna nas Américas, pero a maioría volvían igual.

O Galeguismo

O Rexurdimento está moi vinculado coa aparición e desenvolvemento do galeguismo, un movemento político, social e cultural que nace co obxectivo de defender e dignificar a identidade galega (a nosa lingua, a nosa cultura...) e darlle poder político a Galicia. Na súa evolución, o galeguismo pasou por diferentes fases:

  1. O provincialismo: a partir de 1833 o Antigo Reino de Galicia desaparece, quedando dividido en 4 provincias. Esta nova división territorial do Estado provoca a aparición do provincialismo, un movemento político que reivindicaba Galicia como provincia única con unidade administrativa, social, cultural e económica.
  2. O rexionalismo: o movemento rexionalista defende que Galicia constitúe unha rexión diferenciada dentro do Estado español. Dentro do rexionalismo distínguense dúas correntes:
    • Corrente liberal, de carácter progresista e liderada por Manuel Murguía.
    • Corrente tradicionalista, de carácter conservador e liderada por Alfredo Brañas.
  3. O nacionalismo: a partir do século XX, coas Irmandades da Fala e co Partido Galeguista entramos nunha nova etapa do galeguismo: o nacionalismo. Considérase Galicia como unha nación con dereitos políticos.

Obxectivos do Rexurdimento

  1. Romper cos prexuízos lingüísticos que se tiñan cara á lingua galega: fronte ás ideas negativas que se tiñan do galego (lingua bruta, inútil, de pailáns...), os intelectuais do Rexurdimento van defender a valía e o prestixio da nosa lingua empregando argumentos coma os seguintes:
    • O galego é unha lingua cun pasado glorioso.
    • O galego é unha lingua útil, que serve para comunicarnos entre nós e que nos aproxima á lusofonía.
    • O galego é a lingua propia de Galicia, o noso sinal de identidade máis importante.
  2. Ampliar os ámbitos de uso da lingua galega: despois de séculos apartado da escrita e dos ámbitos formais (a Educación, a Administración...), durante o Rexurdimento vaise intentar que o galego vaia recuperando os espazos perdidos. Así, conséguese que o galego volva ser a lingua literaria. Convócanse certames literarios (coma os Xogos Florais da Coruña), créanse as primeiras editoriais dedicadas a publicar obras en galego (coma a Biblioteca Gallega de Martínez Salazar) e, o máis importante, publícanse as primeiras obras literarias na nosa lingua, destacando as de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Durante esta etapa tamén se tentou introducir o galego na prensa periódica, publicándose algúns xornais e revistas en galego. Por último, os intelectuais do Rexurdimento tamén traballaron (aínda que non o conseguiron) para que o galego se introducise na Educación e na Administración.
  3. Estudar e depurar a lingua galega: despois de séculos apartado da escrita, o galego carecía nesta altura dunha norma escrita e tamén de gramáticas, dicionarios... Os intelectuais do Rexurdimento tamén van traballar nisto, estudando as diferentes variantes do galego, eliminando os castelanismos, creando unha lingua estándar... A primeira gramática do galego foi a de Saco e Arce e o primeiro dicionario, o de Marcial Valladares.
  4. Reivindicar o pasado histórico de Galicia. Finalmente, outro obxectivo do Rexurdimento foi reivindicar o pasado histórico de Galicia e a súa identidade como pobo diferenciado, cunha lingua e unha cultura propias. Nesta liña, cómpre destacar as primeiras Historias de Galicia que Manuel Murguía e Benito Vicetto escribiron nesta etapa, nas que se defendía a orixe celta do pobo galego.

Descargar

PDF Word HTML