Renacemento do galego e contexto sociolingüístico

Lingua e literatura2,82 KB

A comezos do século XIX recupérase o galego como idioma literario, cultural e histórico, pero á vez patentízase un descenso no nivel de uso oral. A lingua galega non vive unha situación normalizada, e iso provoca un retroceso en medios sociais e en ámbitos xeográficos concretos. O contexto sociopolítico contrasta coa actividade cultural. A sociedade galega dos primeiros anos do século seguía caracterizándose pola concentración do poder económico en sectores minoritarios, por un sistema agrícola aínda sen modernizar e por unha crecente emigración que ía baleirando o país. Créanse agrupacións agrarias que canalizan as protestas sociais e acadan grande resonancia no campesiñado, como foi o caso da Liga Agraria de Acción Galega.

Os acontecementos fundamentais que afectaron ao ámbito da sociolingüística de principios do século foron múltiples e de grande impacto:

  • Fundación da Real Academia Galega (RAG) en 1906.
  • A creación da primeira Irmandade da Fala en A Coruña no ano 1916 (seguida por outras irmandades en vilas como Ferrol, Ourense, Betanzos …).
  • A celebración da I Asemblea Nazonalista Galega en 1918, que tivo como conclusións a reivindicación da autonomía integral, da oficialización da lingua e da inclusión de Galicia na Sociedade de Nacións de Xenebra.
  • A publicación da revista Nós (1920), que puxo en contacto o país coas correntes europeas; incluíu traducións variadas e artigos de carácter científico e literario.
  • A creación do Seminario de Estudos Galegos (1923), dedicado á investigación sobre a realidade galega e ao estudo de todas as súas manifestacións.
  • A creación do Conservatorio Nazonal de Arte Galego en 1919, que axiña pasou a ser a Escola Dramática Galega, impulsora do xénero dramático.
  • Os movementos vangardistas do grupo de autores chamado "Xeración do 25" (entre eles M. Antonio, A. Carballo, B. Brey ...).
  • A creación do Partido Galeguista en 1931, que conseguiu a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, no que o galego adquiriu por primeira vez o recoñecemento de «idioma oficial de Galicia»; non obstante, por iniciarse a Guerra Civil en 1936, ese recoñecemento durou pouco, xa que as linguas non oficiais do Estado español foron perseguidas tras a vitoria do xeneral Franco.

Este período denomínase diferencialista, pois os autores pretendían marcar distancias co castelán co fin de subliñar que se trataba de dúas linguas diferentes e independentes. Para iso procuran un galego supradialectal, expurgan a lingua de castelanismos e elixen o portugués como modelo da tradición literaria.

Descargar

PDF Word HTML