Prosa galega 1936-1976: Fole, Blanco Amor, Cunqueiro, Neira Vilas
A prosa entre 1936 e 1976: Os renovadores
A Guerra Civil puxo fin á etapa política e cultural máis brillante da historia galega. A represión afectou a ámbitos da cultura, e chegou a producir mortes (Alexandre Bóveda e Ánxel Casal) ou o exilio (Luís Seoane, Díaz Pardo, Blanco Amor, Cunqueiro).
Desapareceu por completo a produción literaria en galego, pero boa parte da cultura resistiu en Bos Aires.
O estancamento prevaleceu ata a década dos 50. Non houbo produción narrativa e xurdiron publicacións de poesía, como Benito Soto, e máis tarde, Xistral, Monterrey, Bibliófilos Gallegos...
En 1950 apareceu A xente da Barreira, a primeira novela en galego, de Ricardo Carballo Calero. Tamén se fundou a editorial Galaxia, da man de Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Xaime Isla e Ferro Couselo. Esta editorial supuxo un continuado renacer da cultura galega. Os homes de Galaxia crearon tamén a revista Grial.
Galaxia abriu unha nova etapa da literatura. A narrativa coñeceu novos camiños, e delimitáronse unha serie de liñas narrativas:
- a) Os continuadores da tradición narrativa do Grupo Nós, na temática da fidalguía tratada por Otero Pedrayo, que seguiu Carballo Calero con A xente da Barreira, ou o propio Otero con Entre a vendimia e a castiñeira ou O señorito de Reboirama.
- b) O realismo popular ou etnográfico, cuxo representante é Ánxel Fole.
- c) O realismo fantástico, con Cunqueiro.
- d) O realismo social de Blanco Amor ou a narrativa social de Neira Vilas.
- e) A Nova Narrativa Galega, proxecto rupturista das novas promocións literarias.
Os autores desta xeración revélanse individualmente como narradores fundamentais da literatura de posguerra.
1. Realismo popular de Ánxel Fole
Ánxel Fole retomou a tradición oral da narrativa para amosar unha temática rural con elementos misteriosos e míticos. Escribiu: Á lus do candil, Terra brava, Contos da néboa e Historias que ninguén cre. Fole buscaba o relato para ser contado, para iso pasaba do texto escrito á narración oral. A mestura de elementos fantásticos constitúe o eixe definidor dunha narrativa que se alicerza na paisaxe de Lugo.
2. Realismo social de Blanco Amor
Segue o camiño da preocupación pola problemática social. As obras A esmorga, Xente ao lonxe e Os biosbardos están ambientadas no seu Ourense natal. A esmorga, novela cimeira da literatura, é unha traxedia protagonizada por tres personaxes marxinais que levan a cabo a súa particular e delitiva viaxe polas rúas de Ourense. A novela resulta innovadora pola súa técnica, baseada na declaración diante dun xuíz cuxas intervencións nos vemos obrigados a deducir. Xente ao lonxe é unha novela coral que nos achega ós conflitos da clase traballadora de comezos do século XX. Os biosbardos presenta oito relatos nos que o autor se achega ó mundo da infancia.
3. Realismo fantástico de Cunqueiro
Elaborou unha literatura de gran orixinalidade, con elementos fantásticos na que se reformulan temas universais, nas novelas: Merlín e familia, As crónicas do sochantre e Se o vello Simbad volvese ás illas; e nos libros de relatos: Escola de menciñeiros, Xente de aquí e acolá e Os outros feirantes.
A narrativa caracterízase por uns trazos: tendencia á disgregación da novela, predominancia da oralidade no estilo, fantasía, humor e poeticidade.
4. Narrativa social de Neira Vilas
Neira Vilas mantén sempre unha actitude crítica coa realidade social, que se reflicte nas obras a través dos temas da vida do neno rural e a emigración. Pódese agrupar a narrativa en cinco núcleos:
- a) Obras da vivencia infantil do mundo da aldea: Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho.
- b) Narracións sobre o mundo rural observado dende o punto de vista do adulto: Xente no rodicio, A muller de ferro e Querido Tomás.
- c) Narracións sobre a emigración: Camiño bretemoso, Remuíño de sombras, Tempo novo e Relatos mariñeiros.
- d) Narracións sobre o mundo urbano, cunha perspectiva crítica: O home de pau.
- e) Coleccións de estampas líricas e de semblanza: Lar, Nai e Pan.