A Prosa Galega (1916-1936): Irmandades, Nós e Xeración do 25

Outras linguas estranxeiras3,2 KB

A Prosa Galega no Primeiro Terzo do Século XX

Coa aparición das Irmandades da Fala (1916), a literatura galega inicia un período de consolidación e modernización que se manifesta en diferentes ámbitos:

O Labor das Irmandades da Fala

As Irmandades da Fala impulsaron o ensaio e o xornalismo, destacando Antón Vilar Ponte coa súa obra Pensamento e Sementeira. Esta obra é precursora do ensaísmo político, un xénero que validou o galego como vehículo do pensamento intelectual.

No ámbito da narrativa, espallaron a novela curta cunha temática renovadora, afastándose da vella liña popularizante e tradicionalista. Isto fíxose a través da Editorial Lar e, posteriormente, da Editorial Nós. A palabra clave "Nós" caracterizou a vida sociocultural galega desta época, simbolizando o espírito de autoafirmación colectiva que xorde co nacemento do nacionalismo.

O Grupo Nós: Ideoloxía e Membros

O Grupo Nós está formado principalmente polo "cenáculo ourensán", integrado por Vicente Risco (principal ideólogo), Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas. Estes intelectuais presentan certas características comúns:

  • Procedencia burguesa e rigorosa formación intelectual e erudita.
  • Período inicial de desvinculación da cultura galega, que axiña abandonarían para centrar a súa atención en Galicia. O relato desta aproximación ou descuberta atópase tanto na novela de Otero Pedrayo, Arredor de Si, como no ensaio de Risco, Nós, os Inadaptados.
  • Conversión ao galeguismo, cuxo sistema ideolóxico propón:
    • Europeizar e universalizar a cultura galega tomando como base as propias raíces.
    • A terra e a paisaxe como foco catalizador do especificamente galego.
    • A relixión católica como elemento consubstancial ao ser de Galicia.
    • A defensa da tradición, que supón o rexeitamento da modernidade e da técnica (cunha crítica feroz ao sistema capitalista, considerado destrutor do ser tradicional galego introducido por unha burguesía mercantilista foránea).

No Grupo Nós tamén se integra nun primeiro momento Castelao, vinculado á Revista Nós (onde foi director artístico), para irse distanciando a partir dos anos 30, ao elaborar a súa propia doutrina nacionalista, cuxos obxectivos serían o autogoberno e o progreso en todas as ordes. Ademais, tamén formou parte deste grupo Losada Diéguez.

A Narrativa dos "Novos" (Xeración de 1925)

A Xeración de 1925 está estreitamente vinculada ao Seminario de Estudos Galegos (fundado en 1923 por profesores e alumnos da Universidade de Santiago de Compostela co obxecto de promover o estudo científico da realidade galega). Os seus autores están moi próximos ás vangardas poéticas no seu afán rupturista coa prosa anterior. Destaca sobre todo a figura de Rafael Dieste.

Descargar

PDF Word HTML