Poesía de vangarda galega: autores e obras clave
A poesía de vangarda en Galicia: características, autores e obras
O comezo do século XX supón para Galicia un cambio importante no eido literario. Prodúcese un movemento xeneralizado de modernización da nosa literatura a todos os niveis. A poesía non foi allea a este proceso. Así, a comezos de século, coa coñecida xeración do 25, prodúcense no ámbito poético os primeiros intentos de achegamento aos movementos de vangarda europeos (futurismo, dadaísmo, surrealismo, cubismo,...) e a superación da poesía feita no Rexurdimento. Maniféstase unha ruptura e actitude crítica coa tradición de sentimentalismo, folclorismo (romarías, costumes, rural) e paisaxismo do século XIX.
Revistas e o manifesto Máis alá!
É o momento de publicación de revistas (Yunque, Alfar, Resol, Cristal, ...) nas que se presentan as ideas vangardistas, e de obras de clara influencia surrealista ou creacionista. Tamén sae do prelo o primeiro manifesto poético galego, o manifesto Máis alá!.
Tendencias da vangarda galega
O movemento vangardista galego non é tan rupturista coma o europeo, xa que a realidade do galeguismo non aconsellaba tal posicionamento. Dentro do movemento vangardista galego podemos distinguir varias tendencias ou correntes:
- Vangarda plena: representada polo creacionismo de Manuel Antonio (sería a verdadeira vangarda galega) e o surrealismo de Cunqueiro.
- Vangarda con mestura tradicional: representada polo movemento hilozoísta de Amado Carballo.
- Vangarda neotrobadorista: representada por Bouza-Brey e Cunqueiro.
Neotrobadorismo: Bouza-Brey e Cunqueiro
A popularización dos cancioneiros medievais supuxo para os novos poetas o achegamento á nosa lírica medieval. Daquela, recuperan características da poesía medieval e trasládana a poemas actuais (léxico, paralelismos, refrán, leixaprén...). É o caso de Bouza-Brey e do seu poemario Nao senlleira. Outro xeito de adoptar a lírica medieval é a recreación do medievo en poemas que reproducen as formas e os estilos destas composicións. Segue esta tendencia Álvaro Cunqueiro con obras como Cantiga nova que se chama ribeira ou Dona do corpo delgado.
Hilozoísmo: Amado Carballo
A presenza da natureza e a sensualidade vai ser unha das constantes do hilozoísmo. Este ismo ten o seu máximo representante no poeta pontevedrés Amado Carballo. En Proel e O galo atopamos a sucesión de imaxes como cerna do poema, a natureza humanizada e a presenza de rimas e metros tradicionais.
Creacionismo: Manuel Antonio
O movemento máis rupturista nos ismos galegos foi o creacionismo. Este movemento ten como único representante a Manuel Antonio. O poemario máis importante dentro da súa produción é De catro a catro. O poeta de Rianxo introduce na poesía galega léxico mariñeiro, que ata ese momento estivera á marxe da lírica, constrúe os seus poemas a partir da sucesión de imaxes e converte o mar no seu mundo poético; un mar estático e poetizado a través da súa imaxe interior. Malia ser o poeta máis rupturista, a súa poesía está chea de sentimentos e non chega a conseguir que os seus poemas sexan realidades completamente autónomas, tal e como se recolle nos principios do vangardismo europeo.
Surrealismo: Álvaro Cunqueiro
O derradeiro movemento europeo que ten a súa pegada no vangardismo galego é o surrealismo, da man do poeta mindoniense Álvaro Cunqueiro. No seu Poemas do si e do non reproduce inocentemente o automatismo deste movemento.