Poesía Galega de Vangarda: Ismos, Autores e Obras Clave
A Poesía Galega de Vangarda
Contexto Histórico e Concepto
O estudo da poesía galega de vangarda require entender o seu contexto histórico.
Concepto de Vangarda
O termo vangarda aparece por primeira vez no léxico militar, e de aí se toma para referirse a creadores situados á cabeza das artes polos seus postulados estéticos.
Cunha nova visión da realidade debida a novos descubrimentos científicos e novos coñecementos no pensamento e na psicoloxía, inícianse as vangardas no século XX, co obxectivo de rebelarse contra o convencional, rexeitar todo o anterior e establecer unha nova orde.
Vangardas Europeas: Os Ismos
Desenvolvéronse en Europa a comezos do século XX unha serie de correntes estéticas denominadas ismos, de gran variedade e límites imprecisos. Os seus postulados estéticos expuñan en manifestos, onde se reclamaban aspectos como a ruptura da estética anterior, a liberdade e modernidade do autor e o seu cosmopolitismo. Algúns destes ismos influíron na literatura galega:
- O Futurismo: Caracterízase pola exaltación da mecánica e dos logros da técnica. Pretendíase a creación dun discurso fluído.
- O Cubismo: Nace da man de Picasso. Está reflectido na literatura nos caligramas, destacando a disposición tipográfica dos versos.
- O Dadaísmo: Postula a irracionalidade e a rebeldía contra calquera convencionalismo.
- O Surrealismo: Propugnou a liberación do subconsciente e dos soños.
- O Creacionismo: Manifesta que a arte non debe imitar a realidade, senón ter unha existencia autónoma.
- O Ultraísmo: Contén a metáfora ou a imaxe como elemento esencial da poesía.
A Vangarda en Galicia
Na primeira metade do século XX cambiou o panorama literario galego debido ao labor das Irmandades da Fala, o Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos, enriquecéndose con achegas europeas.
Foron uns mozos denominados os novecentistas, a Xeración de 1925 ou a Xeración de Vangarda ou do 22 os que introducen as vangardas en Galicia, formándose uns ismos cunha mestura de tradición e modernidade. O feito de que o Rexurdimento estivese recente foi a causa de que aínda se lle dese importancia á cultura propia. Polo tanto, distinguimos dous tipos de ismos:
1. Vangarda Matizada (Liñas Poéticas Existentes)
Composta por dúas tendencias principais que seguen liñas poéticas xa existentes en Galicia:
O Hilozoísmo
Foi a tendencia que maior éxito acadou. Elixiu como tema central a paisaxe galega, a terra. Soubo xuntar a modernidade das vangardas con imaxes dinámicas e estilizadas.
Luís Amado Carballo
Destaca Luís Amado Carballo. Publicou dous poemarios:
- Proel (trinta e cinco poemas nos que aparecen motivos diversos e espazos da Pontevedra urbana e o amor por Marucha, a súa compañeira).
- O Galo (dezasete composicións con variedade de topónimos).
Optou pola métrica tradicional e os versos de arte menor con rima asonante. A súa obra foi moi imitada.
O Neotrobadorismo
Baséase na tradición. Xorde a partir do descubrimento dos cancioneiros medievais, combinándose coas imaxes das vangardas.
Fermín Bouza Brey
Coa publicación do seu poema «Lelías ao teu ouvido» na revista Nós é como se inicia esta tendencia. Publicou ademais dous libros:
- Nao senlleira (no cal os temas tratados son a paisaxe, a soidade e o amor).
- Seitura (centrado na exploración do mundo exterior e interior).
Ademais, fundou xunto con outros membros o Seminario de Estudos Galegos.
Álvaro Cunqueiro
Destaca fundamentalmente como narrador. Ademais do neotrobadorismo, no que sobresae na Cantiga nova chamada riveira, nas «cantigas de amor cortés» incluídas no libro Dona de corpo delgado e no poema «Pero Meogo no verde prado» de Herba de aquí e acolá, cultivou outras tendencias vangardistas como o cubismo (Mar ao norde) e o surrealismo.
2. Vangarda Plena (Ruptura coa Tradición)
Nesta liña seguen unha nova tendencia que rompe coa tradición anterior, destacando tres tendencias:
O Ultraísmo
Mencionado como unha das tendencias de vangarda plena.
O Creacionismo
Manuel Antonio
Foi a figura máis innovadora e avanzada das vangardas, e o nacionalista galego máis radical daquela época. Defende o monolingüismo galego. Foi integrante das Irmandades da Fala, aínda que máis tarde manifestara o seu inconformismo. A súa obra componse de:
- O manifesto ¡Máis alá!: Breve folleto de oito páxinas dividido en catro partes. As dúas primeiras dedicadas ao pasado e presente da literatura galega nas que critica os seus contemporáneos; na segunda arremete contra Valle Inclán e os seus imitadores por empregaren o castelán; na terceira expón a súa propia individualidade; e na última fai unha chamada á mocidade.
- A obra poética: Con posturas experimentalistas e innovadoras. Publicáronse pezas soltas e os seguintes poemarios:
- Con anacos do meu interior, con poemas tradicionais de influencia modernista e disposición tipográfica do vangardismo.
- Foulas, onde se experimenta co emprego do caligrama e se introducen vocábulos estranxeiros e novos termos, polo que supón un paso máis na influencia vangardista.
- Sempre e máis despois, que combina tradición e vangardismo.
- De catro a catro é o seu único libro publicado en vida. Ten carácter innovador, audaz e rupturista, así como trazos futuristas. Consta de dezanove poemas escritos durante unha viaxe marítima, na que esta se converte tamén na representación dunha viaxe interior.
- Viladomar, que implica unha regresión. Neste punto Manuel Antonio viu coutada a súa produción.
O Surrealismo
Destaca Álvaro Cunqueiro con Poemas do si e non, que se organizan formando unha especie de caligrama.