Poesía Galega de Posguerra: Tendencias e Autores Clave

Outras linguas estranxeiras4,08 KB

Principais tendencias da poesía galega de posguerra

Predominan liñas estéticas xa existentes na preguerra, descomprometidas: costumismo tradicional, paisaxismo hilozoísta, neotrobadorismo… Aparecen discursos poéticos intimistas, virados cara ao interior anímico, as lembranzas e a preocupación relixiosa. Nos anos 50, aparecen os poemas da chamada Escola da Tebra. Nos anos 60, varios poemarios de Manuel María e a emblemática obra de Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra (1962), farán triunfar a estética socialrealista.

Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro publicou antes da guerra os libros Mar ao norte e Poemas do si e non, ambos de carácter vangardista, e o libro Cantiga nova que se chama riveira, de carácter neotrobadoresco. Na posguerra escribiu Dona de corpo delgado, formado por unha parte neotrobadoresca e outra intimista, e Herba aquí ou acolá.

Celso Emilio Ferreiro

Celso Emilio Ferreiro é moi importante na poesía galega do século XX. Publicou prosa en dous volumes: A fronteira infinda, formada por nove contos con ambientación latinoamericana, e A Taberna do Galo, que conta anécdotas e personaxes da súa vida en Celanova.

Na súa poesía distinguimos tres grandes liñas temáticas:

  • Unha liña social que ten a Rosalía, Curros e Cabanillas como precedentes, é solidaria cos oprimidos, defensora do idioma e denunciadora dos males sociais.
  • Unha liña intimista, na que manifesta o seu desacougo existencial, a fugacidade da vida, a saudade da infancia e a vivencia do amor.
  • Unha liña irónica, fortemente corrosiva e crítica que evoca as cantigas medievais de escarnio.

O seu primeiro libro en galego importante é O soño sulagado, poemario intimista cun ton social que fala sobre o propio eu do autor. Coa publicación de Longa noite de pedra (1962) inicia o socialrealismo, e terá unha enorme influencia nos autores da poesía galega dos anos 60 e 70. A obra caracterízase por unha sinxeleza expresiva, pola importancia da mensaxe (máis o contido que a forma), pola renovación da linguaxe, incorporando rexistros da vida cotiá (linguaxe administrativa, comercial…), polo emprego do humor, da ironía e do sarcasmo, e pola procura do ritmo e da musicalidade baseándose na métrica tradicional das cantigas folclóricas.

En 1966 emigra para coordinar as actividades culturais da Hermandad Gallega de Caracas. O problema é que non encontra unha Galiza ideal, libre, creadora e en marcha, senón unha colectividade dividida, desgaleguizada, insolidaria e controlada politicamente por axentes do franquismo. Desta experiencia nacen Viaxe ao país dos ananos, onde desmitifica o mundo da emigración e critica aos grupos dirixentes da colectividade galega, e Terra de ningures, onde reflicte a nostalxia do desterrado e o encontro con paisaxes e formas culturais exóticas. Tamén con clave humorística e con epitafios escribe Cemiterio privado, formado por 67 epitafios contra prototipos sociais negativos, e outros poucos epitafios adicados a seres con conduta social positiva. Escribe tamén a obra Antipoemas, que carece de adornos e ten versos prosaicos, inclúe fragmentos de anuncios publicitarios, e escribe contra o imperialismo norteamericano, contra o poder deshumanizador dos cartos e contra a sociedade consumista. Finalmente escribe Onde o mundo chámase Celanova, celebrando o amor de Moraima e a presenza dos seus amigos.

Luis Pimentel

Luis Pimentel é un poeta da Xeración do 25, incluído na Xeración do 36, que publicou: Triscos, e xa póstumo, Sombra do aire na herba.

Ten influencias das vangardas, especialmente do surrealismo, aínda que matizadas por un marcado lirismo intimista de raíces simbolistas. A poesía de Pimentel é inseparábel da súa cidade, Lugo, e está chea de sensacións e de sentimentos. Utiliza un ton decadentista e crepuscular, se ben non faltan exemplos de denuncia de poemas comprometidos.

Descargar

PDF Word HTML