Poesía Galega Contemporánea: Tendencias e Xeracións (1970-2000)

Lingua e literatura5,84 KB

Os cambios que afectaron á sociedade galega a partir de mediados dos anos 70 (morte de Franco, promulgación da Constitución, Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística…) tamén se deixaron sentir na literatura, en xeral, e na poesía, en particular. As últimas décadas do século XX trouxeron consigo profundas transformacións no panorama poético galego. A pluralidade e heteroxeneidade de estilos, propostas e tendencias, dentro duns parámetros de calidade satisfactorios, marcan este período que coñeceu catro momentos importantes:

1. A Consolidación do Socialrealismo: Os Novísimos

Este primeiro momento caracterízase pola consolidación da estética do socialrealismo da man dos chamados "Novísimos". Son autores que viven e escriben nun momento intenso de loita antifranquista e participan e implantan o nacionalismo de esquerdas. A súa escrita está fortemente ideoloxizada e aborda cuestións como:

  • A loita pola lingua.
  • A opresión nacional.
  • O desexo de liberdade individual e colectiva.

O labor literario é, pois, un compoñente máis do seu compromiso político, e neles percíbese a influencia de Celso Emilio Ferreiro ou Manuel María.

Autores Destacados do Socialrealismo

  • Lois Diéguez, dirixente nacionalista durante a transición política, con obras como Cancións para agromar branco e azul.
  • Darío Xohán Cabana, tamén novelista e tradutor, autor de Romanceiro da Terra Chá.
  • Fiz Vergara Vilariño, poeta de profunda reflexión existencial, co seu poemario Nos eidos da lembranza.

2. A Reacción ao Socialrealismo: Méndez Ferrín

Este segundo momento representa a reacción contra as formas (desgastadas e nalgúns casos panfletarias) do socialrealismo, representada por poemarios como Con pólvora e magnolias, de X.L. Méndez Ferrín. Esta obra supuxo un auténtico revulsivo na poesía de finais dos 70, xa que, sen abandonar a reivindicación político-social, introduce un novo enfoque no tratamento dos temas, coa entrada de abondosas referencias culturais (culturalismo).

3. A Consolidación da "Xeración dos 80"

Este terceiro momento refírese á consolidación, por parte dos autores da chamada "Xeración dos 80", dunha nova estética, relacionada coas mudanzas sociopolíticas.

Características da Xeración dos 80

  • Admiración por poetas do pasado: Manuel Antonio e Cunqueiro.
  • Rexeitamento da poesía comprometida: Dos seus xeitos, discursos e temas.
  • Gusto pola experimentación e a interdisciplinariedade.
  • Maior atención formal e estilística: A poesía é basicamente unha arte da linguaxe.
  • Orientación culturalista (formalismo) e decadentismo estético: Provoca certo hermetismo e un distanciamento entre o poeta e a sociedade.
  • Aparición de colectivos poéticos: Como "Alén", "Cravo Fondo" ou "Rompente" (Antón Reixa).

Principais Poetas da Xeración dos 80

  • Xosé M. Álvarez Cáccamo, A praia das furnas.
  • Xela Arias, Denuncia de equilibrio.
  • Miguel-Anxo Fernán Vello, O libro das paisaxes vellas.
  • Pilar Pallarés, Sétima Soldade.
  • Lois Pereiro, Poesía última de amor e enfermidade.
  • Manuel Forcadela, O varredor en outono.

4. A Reacción da "Xeración dos 90"

Este cuarto momento marca a reacción contra o predominio da estética da chamada "Xeración dos 90".

Características da Xeración dos 90

  • Eclosión de novos poetas: Os "poetas dos 90", sen formaren propiamente unha escola, amosan nesta década unha actitude activa e dinamizadora. Comparten recitais e presentacións, gañan diversos premios e publican libros individuais ou colectivos. Son, entre outros, Anxo Angueira, Fran Alonso, Miro Villar e Rafa Villar.
  • Proliferación de grupos poéticos: Como o "Batallón Literario da Costa da Morte", "Sete Naos" ou "Redes Escarlata", que promoven unha aproximación da poesía ao público a través de Internet, festas ao aire libre, tabernas, pubs e concertos.
  • Proliferación de concursos e premios poéticos: Como o "Premio da Crítica", "Martín Códax", "Esquío", "Johán Carballeira" ou "Espiral Maior".
  • Preocupación pola linguaxe: Manifesta un estilo máis próximo ao lector, fronte aos rexistros herméticos da poesía dos 80.
  • Novos matices temáticos: Os eixos temáticos tradicionais (amor/desamor/existencialismo) adoptan novos matices como o ecoloxismo, a vida urbana e cosmopolita, o mundo opresivo e angustioso, o compromiso lingüístico, etc.
  • Presenza feminina: O papel da muller na poesía de fin de milenio, que se enceta nos 90 coa publicación da revista Festa da palabra silenciada, convertida en punto de encontro e bandeira da presenza feminina, plurixeracional e cualitativamente decisiva.

Autoras Destacadas da Poesía Feminina

Todas estas autoras, como Marta Dacosta, Iolanda Castaño, Lupe Gómez, María do Cebreiro, Olga Novo ou Antía Otero, trasladan aos seus poemas un imaxinario do feminino no que reivindican, ademais das figuras marxinalizadas na sociedade, unha sensibilidade e visión do mundo novas (solidariedade, comuñón coa natureza, tenrura, afán de liberdade, erotismo).

Descargar

PDF Word HTML