Pensamento Político na Modernidade: Do Renacemento ao Absolutismo

Filosofía e ética2,99 KB

O pensamento político na Modernidade

O Renacemento e as novas formas de poder

O Renacemento, ao xerar novas formas de poder e organización social, retomou a reflexión política iniciada nos sofistas, continuada por Platón e Aristóteles e recomposta na Idade Media en torno aos conceptos de lei divina, natural e humana. A principios do século XVI, Maquiavelo inicia o novo realismo político propoñendo a separación de ética e política: a única guía que debe seguir o gobernante é o ben do Estado, por encima de calquera norma moral. Contra este concepto de razón de Estado apareceron as primeiras teorías contractualistas (Althusius) ou iusnaturalistas (Hugo Grocio), que situaban no pobo ou na natureza os límites do poder.

A fundamentación ideolóxica da monarquía absoluta

Na Inglaterra do século XVII, o debate centrouse na lexitimación da monarquía absoluta, encarnada no rei Carlos I. O bando monárquico afirmaba o absolutismo e atribuía a súa lexitimidade á vontade divina; o bando parlamentario afirmaba que a soberanía debía compartirse entre o rei e o pobo. A defensa máis radical da monarquía foi o "patriarcalismo" de Robert Filmer, quen en Patriarca, ou do poder dos Reis xustificaba mediante a Biblia a primacía do monarca sobre o parlamento, a obediencia incondicional dos súbditos e a defensa do poder natural e absoluto dos reis.

Hobbes e o contrato social

Nunha postura intermedia, Hobbes mantiña que, se ben a soberanía absoluta reside no rei, o seu poder non provén de Deus, senón dun pacto ou contrato social. No seu tratado Leviatán (1651), Hobbes aborda, partindo da definición da natureza humana, a aparición do Dereito e dos distintos tipos de goberno necesarios para a convivencia social. O seu punto de partida é o "estado de natureza", a situación humana anterior á constitución da sociedade. Como vivían os humanos antes da organización social? Como comezou a sociedade? Non se trata dunha realidade histórica, senón dun suposto ou hipótese, unha ficción, unha reconstrución imaxinaria mediante a que fundamentar, lexitimar ou criticar as estruturas políticas.

Hobbes caracteriza o estado de natureza coma unha vida solitaria, pobre, brutal e breve, en perpetua guerra de todos contra todos, na que o home é un lobo para cos outros homes, rexido polo egoísmo e a loita pola propia conservación. Neste estado de natureza, todos son libres, pero viven nunha situación de perpetuo temor. Cando os humanos se decatan de que non poden vivir neste estado de guerra continua, xorde o pacto que orixina a sociedade: cada persoa renuncia ao seu dereito, que transfire a un poder absoluto que garante o estado de paz. Esta é a orixe do Estado, pacto ou contrato que realizan tódolos homes entre si, subordinándose dende ese momento a un soberano que procura o ben de todos, gozando de total liberdade e inmunidade para lexislar. Esta soberanía é absoluta e inalienable.

Descargar

PDF Word HTML