A Nova Narrativa Galega: Obras, Autores e Fases
A Nova Narrativa Galega: Obras e Autores Clave
Acostúmase indicar como data fundacional da Nova Narrativa Galega (NNG) o ano 1956, cando se publica Memorias de Tains, de Gonzalo Rodríguez Mourullo. A data límite é máis borrosa: para algúns pecharíase coa publicación en 1972 de Adiós María de Xohana Torres; para outros prolongaríase aínda en novelas como Cara a Times Square (1980) de Camilo Gonsar.
Fases no desenvolvemento da NNG
Segundo algúns investigadores, no desenvolvemento da NNG pódense distinguir catro instantes:
- Aparición: Representado por Memorias de Tains (1956) de Gonzalo R. Mourullo e Percival e outras historias (1958) de Xosé Luís Méndez Ferrín.
- Consolidación: Con O crepúsculo e as formigas (1961), de Xosé Luís Méndez Ferrín, e Lonxe de nós e dentro (1961) de Camilo González Suárez-Llanos.
- Predominio da técnica obxectualista (1962-1965): Tomada do nouveau roman francés. Representado por obras como Como calquera outro día (1962) de Camilo González Suárez-Llanos, Arrabaldo do norte (1964) de Xosé Luís Méndez Ferrín e A orella no buraco (1965) de María Xosé Queizán. Con matices poderían incluírse outras obras aparecidas entre 1967 e 1969 como Vento ferido (1967) e Cambio en tres (1969) de Carlos Casares.
- Peche: Comprendido entre 1969 e 1972, representado por obras como Adiós María (1971), de Xohana Torres e Retorno a Tagen Ata (1971) de Xosé Luís Méndez Ferrín.
Autores destacados da Nova Narrativa Galega
Os autores que se encadran na NNG serían: Xohán Casal, Gonzalo Rodríguez Mourullo, Camilo González Suárez-Llanos, María Xosé Queizán, Vicente Vázquez Diéguez, Xohana Torres e Xosé Luís Méndez Ferrín. Escritores como Carlos Casares ou Lois Diéguez, aínda que influenciados inicialmente por esta orientación renovadora, alcanzarán a súa fase de madurez creativa nos anos 70 e 80 con presupostos estéticos claramente distintos.
Xohán Casal
Foi o precursor do movemento cos relatos O camiño de abaixo (de edición póstuma en 1970) e dúas novelas inacabadas: O traxe aldeán e Os profetas. O seu mundo literario está dominado pola soidade e a morte. Nos seus textos aparecen elementos simbólicos desacougantes: a araña, o sapo, a lama e o náufrago.
Gonzalo Rodríguez Mourullo
Autor de Nasce unha árbore (1954), composta por tres relatos, e Memorias de Tains (1956), composta por oito relatos que adoptan forma de carta e teñen un fío común. Estas cartas representan fragmentos da historia dunha cidade arruinada e destruída: Tains. Esta obra considérase un dos cumes da NNG.
Camilo González Suárez-Llanos
Autor de Lonxe de nós e dentro (1961), que é un conxunto de cinco relatos, e a novela Como calquera outro día (1962). Moito despois, asinando co pseudónimo de Camilo Gonsar, publicou Cara a Times Square (1980) e Desfeita (1984), afastándose xa da liña da NNG, aínda que a primeira delas tende a incluírse no final desta etapa narrativa. Seguirá escribindo nos 90.
María Xosé Queizán
Inicia a súa andaina literaria con A orella no buraco (1965), novela obxectualista moi influída polo nouveau roman (comezou a escribila en París). Esta novela conta a biografía dun emigrante fracasado que regresa a Galiza e finalmente morre. A obra posterior da autora tomará outros derroteiros xa afastados da NNG, abordando distintas problemáticas sociais (a sida, a violencia política, a de xénero, a homosexualidade, etc.) con títulos como: Amantia (1984), A semellanza (1988), O segredo da pedra figueira (1989), Amor de tango (1992), etc.
Vicente Vázquez Diéguez
Autor de As ponlas baixas (1968), novela plenamente integrada nas concepcións formais da NNG e que se centra na peripecia dun grupo de mozos galegos emigrados a Madrid.
Xohana Torres
Gañou o premio literario Galicia do Centro Galego de Buenos Aires coa súa novela Adiós, María (1971). A novela, usando a técnica do monólogo interior, presenta desde a perspectiva dunha adolescente, filla de pais emigrados, a problemática da integración dunha familia de procedencia rural no mundo urbano dunha cidade (Vigo) na Galiza dos anos 60.